Bernardo Fernández esixe á Xunta “adoptar medidas urxentes para evitar o peche do centro de educación especial ASPABER”

O secretario xeral do PSdeG Provincial da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, mostrou hoxe en Carballo o apoio dos socialistas “ás familias afectadas polo anuncio do peche do centro de educación especial ASPABER”. Xunto aos candidatos e candidatas socialistas na comarca, Fernández Piñeiro solicitou á Xunta “a adopción de medidas de carácter urxente para garantir que neste centro se segan ofrecendo os servizos de educación especial”.

Recentemente, anunciouse o peche do centro ASPABER, un centro educativo concertado coa Xunta, que atende ao alumnado con necesidades especiais de toda a comarca de Bergantiños.

“Esta rapazada con necesidades educativas especiais, se finalmente se pecha o centro, terán que acudir a outros centros en municipios como Santiago ou A Coruña. Isto supón consecuencias negativas para o alumnado, que será afastado da súa contorna; pero tamén para as familias, que sumarán novas dificultades para conciliar”, explica o líder socialista.

Fernández Piñeiro recordou que a Xunta “ten as competencias en educación, que están delegadas nas autonomías”. Por isto, “deben tomar as medidas necesarias para que este centro poida continuar coa súa actividade e ofrecer un servizo educativo de calidade á poboación”.

Ademais, o socialista tamén solicitou ao Goberno autonómico “dotar aos centros ordinarios con material para atender tamén á rapazada con estas necesidades especiais”. Tamén demandou á Xunta “a construción dun centro específico no que se atendan as demandas educativas destas familias”.

“As administracións teñen que estar ao carón da cidadanía e, neste caso, é a Xunta a que ten as competencias para facilitar unha ensinanza inclusiva”, engadiu.

Día Internacional da Muller

Por último, o líder socialista tamén valorou en Carballo a celebración do Día Internacional da Muller, mañá mércores 8 de marzo. “Neste sentido, é un día histórico hoxe, coa aprobación no Consello de Ministros da paridade obrigatoria nos altos cargos dos consellos de administración. Un paso máis na loita pola igualdade, na que os avances sempre foron da man do feminismo e do partido Socialista”, concluíu.

Algunhas novas relacionadas