O PSOE da Laracha insta á Xunta a mellorar a rede de Centros de Información á Muller (CIM)

Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, o 8 de marzo, o PSdeG-PSOE da Laracha reivindica o papel dos Centros de Información á Muller (CIM), para os que reclama maiores recursos. “Neste sentido, presentamos unha moción no último Pleno municipal para instar á Xunta a mellorar as condicións deste servizo público”, explica Palomi Rodríguez, voceira e candidata socialista ás eleccións municipais.

“Os centros de información á muller, creados en 2004, realizan un labor esencial na igualdade entre homes e mulleres. Porén, o labor deste servizo presenta eivas e aspectos susceptibles de mellora, que solicitamos á Xunta de Galicia”, insiste a candidata socialista.

As propostas que os socialistas presentaron no Pleno Municipal da Laracha “baséanse nun informe en un análise global da FEGAMP, que remitiu un cuestionario ás distintas entidades locais e tamén tivo en conta suxestións trasladadas pola Asociación de Profesionais dos CIM (ASOCIM)”.

As melloras que propoñen os socialistas inclúen aumentar a rede de CIM, un incremento orzamentario, unha nova delimitación das tarefas e unha campaña de información sobre este servizo, entre outras propostas.

“Queremos que o Concello da Laracha inste á Xunta de Galicia a elaborar, en colaboración coa FEGAMP, unha estratexia para estender a rede de CIM a todo o territorio galego, xa que en 120 municipios non existen. Instamos ademais a que se teñan en conta criterios xeográficos, socio-demográficos e densidade poboacional para emprazar os CIM”, explica Rodríguez. A socialista tamén insiste en que a Xunta debe “prestar soporte técnico e incrementar os recursos económicos para garantir a supervivencia dos CIM”.

Os socialistas tamén esixen “un incremento orzamentario por parte da Xunta de Galicia das liñas que sufragan a actividade dos CIM, para prestar un servizo de calidade”, recalca.

Ademais, a proposta socialista pide modificar o regulamento dos CIM para “crear a figura de axente de igualdade no CIM, regular as necesidades dos CIM en función da poboación feminina, a demanda e as actividades que realicen; establecer como requisito para ser persoal cualificado dun CIM a formación mínima de 500 horas en igualdade, e, por último, establecer que ningunha muller teña que desprazarse máis de 15 km para acudir a un CIM”.

“Tamén solicitamos unha nova delimitación das tarefas asignadas aos CIM, que actualmente sofren unha sobrecarga de funcións fóra do seu campo. De feito, propoñemos crear un servizo de atención ao colectivo LGTBI, actualmente atendido nos CIM, para garantir unha correcta atención”, engade.

“Por último, consideramos que é necesario realizar unha campaña de información pública para dar a coñecer os CIM como recursos integrais dirixidos ás mulleres”, conclúe a socialista.

Algunhas novas relacionadas