Bernardo Fernández e Patxi López defenden que “a mellor garantía para que a Costa da Morte avance son os alcaldes e alcaldesas socialistas”

O auditorio da Casa da Cultura do Concello de Cee acolleu esta mañá a presentación das candidaturas socialistas na Costa Atlántica, un acto ao que acudiu o voceiro socialista no Congreso, Patxi López, xunto secretario xeral do PSdeG Provincial da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro.

A cita, que supón o inicio da precampaña electoral para os comicios municipais do 28 de maio, puxo en valor o traballo dos oito candidatos e candidatas tras unha lexislatura complicada e marcada pola pandemia. Temas como a reivindicación dunha Sanidade Pública xusta ou da autovía continúan a ser motivos de loita para os candidatos de Corcubión, Camariñas, Dumbría, Carnota, Vimianzo, Muxía, Fisterra e Cee.

Manuel Insua, ‘Lalo’, alcalde e candidato ao Concello de Corcubión, subliñou a dificultade de gobernar con obstáculos como o Covid e a guerra de Ucraína, pero apuntou que mantén a “ilusión”, “esperando que os veciños nos den o seu apoio e poidamos gobernar e traballar para todos vós”, engadiu, antes de amosar o seu cariño a José Manuel Pequeño, que se retira tras máis de 40 anos de goberno en Dumbría.

O seu sucesor, Raúl González, o único novo candidato da comarca, recordou a súa traxectoria ao lado de Pequeño nos últimos 30 anos e o cambio que sufriu o Concello de Dumbría neste tempo. “Traballastes, traballamos arreo e aparte das cosas materiais que quedaron, podes quedar contento por poñer a Dumbría no mapa”, agradeceu. Considera Raúl González que a xente está contenta na vila e subliñou: “En teño dous soños, ser alcalde o 28 de maio, e o 30 ou 31, facer a foto de novo con todos vós como hai catro anos”.

Sandra Insua, alcaldesa e candidata de Camariñas, tamén botou a vista atrás e recordou o medo que pasou o día que se decretou o peche polo Covid, “pero os alcaldes nos estivemos apoiando uns ao outros, e merecemos unha segunda oportunidade, unha lexislatura máis tranquila”.

Juan Manuel Saborido, primeiro alcalde socialista de Carnota, afirmou que “somos un equipo moi humilde pero estamos sumando e intentando facer o mellor posible. Só pedimos que a xente siga a confiar en nós”, concluíu.

Mónica Rodríguez, candidata de Vimianzo e moi emocionada durante a súa intervención, afirmou que “querería repetir como alcaldesa dos meus veciños e se podo, e me dan a confianza, seguirei traballando coa mesma ilusión e as mesmas gañas”.

Iago Toba, candidato de Muxía, aproveitou a súa intervención para dar as grazas a Olalla Benlloch y Javier Romar, que o acompañaron nesta lexislatura, “a familia que elixes”. “Gobernar en situacións fáciles non é nada, o problema é facelo en situacións difíciles, e as persoas que están o fixeron, poñendo incluso aos seus veciños por encima da súas familias. Son os mellores e nunca os van a fallar”, concluíu.

Pola súa banda, José Marcote, candidato de Finisterre, insistiu en que quere “rematar o proxecto en Fisterra, un proxecto de comarca porque sabemos que contamos cun patrimonio que pertence ao mundo enteiro, non só a nós”. “‘Fin do mundo é unha cuestión de estado’. Todos os anos temos medio millón de persoas na vila e precisamos axuda e necesitamos que todos nos concienciemos da importancia que ten”, reivindicou.

En último lugar interviu a candidata de Cee, Margot Lamela, que aplaudiu públicamente o apoio de Bernardo Fernández, e insistiu no traballo levado a cabo no seu concello nestes últimos anos, “un concello máis limpo agora no amplo sentido das palabras”. “Como di Patxi, pode que nos trabuquemos, pero todo o bo e o importante ten sinatura socialista”, engadiu a rexedora.

O secretario xeral do PSdeG Provincial da Coruña, Bernardo Fernández, destacou á súa vez en que a presentación destes oito candidatos, todos eles xa alcaldes e alcadesas, “dan unha boa mostra do músculo que o noso partido ten na Costa da Morte, pero o que é máis importante, demostra a importancia que para os veciños e veciñas desta comarca ten o Partido Socialista”. “É un partido no que confían ao longo de moitos anos para atender e para desenvolver esas administracións que son as máis cercanas aos cidadáns como son os concellos”, afirmou.

Bernardo Fernández insistiu en que os 8 candidatos e candidatas “souberon aguantar a bandeira dos intereses da comarca fronte a outras administracións, concretamente a Xunta de Galicia, que como ven sabemos e vimos estes días, seguen a reclamar infraestruturas que estaban prometidas e seguen sen cumprirse por parte do Partido Popular”. “Hoxe estamos aquí tamén para reivindicar que a Costa da Morte merece as mesmas infraestruturas que calquera outra punta da nosa provincia ou de Galicia. Que os veciños e veciñas desta bisbarra non poden ser veciños e veciñas de segunda”, insistiu o secretario xeral do PSdeG Provincial da Coruña.

Patxi López amosouse tamén orgulloso de estar esta mañá no “cinturón rojo” de concellos socialistas que amosan que “cando gobernamos os socialistas estos alcaldes y alcaldesas y sus concejales se pelean por sus vecinos y vecinas y por sacar adelante a sus municipios frente al abandono que sufren por parte de la Xunta”.

“Solo habrá dos posibilidades después de las elecciones municipales, o gobernamos los socialistas o gobierna la derecha junto a la extrema derecha. O gobierna el progreso o gobierna el retroceso en este país”, insistiu o voceiro socialista no Congreso.

Algunhas novas relacionadas