Os Gobernos municipais de Cabanas, Monfero, Pontedeume, As Pontes e A Capela denuncian que a Xunta aproba o Plan Reitor das Fragas do Eume sen dar resposta ás alegacións dos concellos e propietarios dos terreos

O PSdeG-PSOE, que goberna nos cinco concellos que abarca o territorio do parque natural das Fragas do Eume, denuncia que a Xunta aprobara onte o Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) do parque Natural das Fragas do Eume sen dar resposta ás alegacións conxuntas presentadas por máis de 450 propietarios dos terreos e polos concellos de Cabanas, Monfero, Pontedeume, As Pontes e a Capela, contra o plan reitor.

“É unha tomadura de pelo, unha absoluta falta de respecto que, tras vinte anos esperando, a Xunta nin sequera se digne a explicarlles a propietarios e concellos que alegacións se aceptan e cales se desestiman, e que nos teñamos que informar da aprobación do PRUX pola prensa”, afirmou o secretario provincial dos socialistas e alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández.

Fernández explicou que as alegacións, presentadas de forma conxunta para mostrar a unidade das reivindicacións dos veciños , pedían principalmente que se delimiten e concreten as zonas nas que se divide o parque e as accións, usos e prohibicións e restricións que afectan a cada zona; así como as compensacións e indemnizacións para os propietarios dos terreos en función desas limitacións de usos.

Sen sistema de compensación para os propietarios

“Polo que vemos, a Xunta incumpre a principal reivindicación dos propietarios e propietarias dos terreos, que é establecer un sistema de compensación. Ao final, o que se aproba é un plan reitor para un parque que vai a ser privado, posto que ten donos aos que en ningún momento se lles vai a compensar polas limitacións que terán nas súas propiedades, en función das distintas áreas de protección que contempla o PRUX”, censurou Bernardo Fernández, que considerou “inaudito” que se resolva un asunto desta importancia sen ter en conta aos propietarios dos terreos.

“Imos a pedir á Xunta que nos remita o documento para estudalo en profundidade, porque o único que coñecemos, a través dunha nota de prensa, é que aceptan o 62% das alegacións, pero non sabemos si se inclúen as reivindicacións de propietarios e concellos”, concluíu.

 

Algunhas novas relacionadas