O PSOE da Laracha propón que os parques infantís sexan máis inclusivos e accesibles

Os socialistas da Laracha propoñen ao Goberno local que, no marco da renovación de catro parques infantís no municipio, se realicen obras para “converter estes parques en recintos máis inclusivos e accesibles”.

“Recentemente, a Xunta de Goberno local da Laracha acordou renovar integralmente catro parques infantís: o da praza do Concello, a instalación na praza do Recreo, o recinto na praza Maximino Canedo e o parque que está instalado en Caión, na Insua, ao carón do colexio”, explica Palomi Rodríguez, voceira e candidata socialista á alcaldía da Laracha.

A socialista detalla que se difundiu que nos catro parques “substituirase o actual pavimento de lousas de caucho por outro de continuo absorción de choques para mitigar o impacto en caos de caídas e repararanse todos os xogos que o precisen”.

“Ante esta nova noticia, a cal celebramos, propoñemos ao Concello que aproveite os traballos para converter os parques infantís en recintos máis inclusivos e accesibles”, explica Rodríguez.

“Non se pode obviar a necesidade de parques infantís inclusivos e débese asegurar a accesibilidade universal no exterior e no interior dos mesmos. Neste sentido, os socialistas apostamos por garantir que os elementos de xogo dispoñibles poidan ser usados por menores con discapacidade, que inclúan máis suxeicións corporais, elementos para nenos e nenas en cadeira de rodas, entre outras instalacións”, engade.

“Por iso, aproveitando estes traballos anunciados e dado que os parques son espazos de convivencia, propoñemos ao Goberno local a elaboración do seu redeseño e a súa adecuación á accesibilidade universal e á inclusión”, conclúe a socialista.

Algunhas novas relacionadas