Bernardo Fernández mostra o apoio socialista “aos representantes do sector marisqueiro ante a autorización da Xunta ás verteduras da mina de San Finx”

O secretario xeral do PSdeG-PSOE Provincial da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, trasladou “o apoio do partido socialista aos representantes do sector do marisqueo afectados pola autorización da Xunta ás verteduras da mina de San Finx”. O líder provincial reuniuse onte cos representantes do sector nunha xuntanza na que tamén participaron Fran Pérez, candidato socialista á alcaldía de Noia, e outros representantes socialistas.

“Nesta reunión quixemos amosar o noso apoio e coñecer de primeira man as reivindicacións e problemáticas do sector do marisqueo e da pesca na ría de Muros e Noia”, explicou o socialista, “logo de que a Xunta autorizase as verteduras de augas residuais procedentes da mina de San Finx (Lousame), que rematarían na ría de Muros e Noia, principal foco da actividade económica desta zona”.

“Isto suporía que chegarían á ría cada ano aproximadamente 600.000 metros cúbicos de verteduras, con altas concentracións de cobre, cadmio e zinc, que tememos que afecten de forma negativa aos espazos da rede natura e aos bancos de marisqueo”, explica o líder socialista.

“As actividades ligadas ao mar son o motor económico desta zona, que estarán en grave perigo de consumarse estas verteduras mineiras”, insiste o socialista.

“Por iso, aproveitamos esta xuntanza para mostrar o apoio do Partido Socialista ás reivindicacións deste colectivo. Ademais, os socialistas apoiamos a mobilización do vindeiro sábado, 4 de marzo, en Noia”, conclúe Fernández Piñeiro.

Algunhas novas relacionadas