
Bernardo Fernández Piñeiro: “A quen se refire Feijóo con deixar en paz ás xentes de ben. Á CEOE, á banca e ás eléctricas?”
O secretario xeral do PSdeG Provincial da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, inaugurou hoxe un ciclo de xornadas formativas dirixidas aos candidatos e candidatas socialistas ás vindeiras eleccións municipais. Durante esta fin de semana, formaranse en materia de comunicación política e redes sociais.
“Unha formación que despregarmos dende a dirección provincial froito do noso compromiso coa militancia, para formar aos compañeiros e compañeiras. Pero sobre todo, unha iniciativa que pretende responder ao compromiso que temos coa cidadanía, de ofrecer aos candidatos/as con maior formación”, sinala o líder provincial dos socialistas.
“A maioría dos galegos e galegas están gobernados polo partido socialista. Non é unha casualidade, senón que se debe a que a cidadanía entende que a nosa formación política é a que mellor defende os seus intereses, a máis próxima aos seus problemas e a que soluciona aqueles conflitos no seu día a día”, engade.
Fernández Piñeiro insistiu en que os socialistas buscan “presentar xentes de ben, un termo que está moi en boga actualmente”. “Neste sentido, gustaríame preguntar ao señor Feijóo a quen se refire cando lle pide ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que deixe en paz ás xentes de ben”, remarcou o socialista.
“Estase a referir a deixar en paz aos traballadores e traballadoras de Naval que se beneficiarán dunha importante carga de traballo grazas á construción das fragatas F-110? Ou aos profesionais da investigación que desenvolverán a súa actividade na Axencia Española de Supervisión de la Intelixencia Artificial (AESIA) que se instalará na Coruña? Ou ás empresas da Coruña que se beneficiarán da conexión ferroviaria do porto de Langosteira? Quizais se refire aos milleiros de persoas que gozan da estación intermodal en Santiago ou do orbitaliño?”, insistiu Fernández Piñeiro.
“Quizais, o señor Feijóo cando di que se deixen en paz ás xentes de ben se refire ao Presidente da CEOE, que aumenta o seu soldo ata os 400.000€ cando pide moderación salarial para os traballadores e traballadoras. Tamén que deixemos en paz ás eléctricas e aos bancos, que pagarán un imposto extraordinario polos grandes beneficios. Pode ser que Marcial Dorado tamén fose unha persoa de ben cando o paseaba pola ría”, concluíu.