Os socialistas de Touro agradecen o apoio da Deputación da Coruña nas obras para solucionar os problemas da rede de saneamento

Os socialistas de Touro agradecen o compromiso da Deputación da Coruña co municipio de Touro. A entidade provincial aprobou hoxe, no Pleno do mes de febreiro, o co-financiamento das obras de separación das redes de saneamento e pluviais na rúa Pucho Boedo e a renovación das beirarrúas na marxe dereita da vía, no casco urbano do municipio. O proxecto é unha iniciativa do grupo socialista de Touro.

“Actualmente existen graves problemas no funcionamento da estación depuradora de augas residuais (EDAR), que se solucionarán coa separación das redes de saneamento e pluviais nesta rúa”, explica a voceira socialista en Touro, Gemma López, sobre os traballos previstos.

“Esta EDAR dá servizo ao maior núcleo urbano do Concello, polo que o seu bo funcionamento é clave para evitar verteduras ao río Lañas”, engade a socialista.

A socialista recorda que para realizar estes traballos na rede de saneamento e pluviais “resulta imprescindible substituír a beirarrúa na marxe dereita da vía, polo que contaremos ademais cunha renovada zona para os peóns, que aportará maior seguridade”.

“Esta obra, que solucionará os problemas da depuración de augas, é un proxecto que presentamos dende o grupo socialista. Agradecemos o compromiso e a colaboración da Deputación da Coruña nestes traballos, que aportará o 80% do orzamento, é dicir, máis de 104.000 euros”, conclúe a voceira socialista.

Algunhas novas relacionadas