O PSOE da Laracha solicita ao Goberno local que aclare os trámites da ampliación do polígono industrial

Os socialistas da Laracha preguntarán ao Goberno local no vindeiro Pleno polos trámites para ampliar a oferta de solo ás empresas no polígono.

“O Goberno da Laracha e o Suelo Empresarial do Atlántico (SEA) acordaron mellorar a oferta de solo ás empresas. Para iso, decidiron cualificar o chan terciario como mixto, coa intención de ampliar os tipos de empresas que se poderían instalar neste polígono”, explica a voceira socialista, Palomi Rodríguez.

Este acordo entre o Concello da Laracha e SEA realizouse hai varios meses, “pero de momento non se ampliou o solo no que se poden instalar as empresas”. Por iso, os socialistas esixen ao Goberno local “coñecer o estado actual da tramitación, así como as xestións realizadas ao respecto por parte do Concello e da Xunta de Galicia”.

“Os polígonos industriais e, en concreto, o polígono da Laracha é un espazo clave para o desenvolvemento socioeconómico do municipio, a creación de emprego e o asentamento da poboación, podendo ser un freo á emigración xuvenil”, insiste a voceira socialista.

Neste sentido, os socialistas recordan “traballar polas melloras e a ampliación deste polígono supón tamén traballar pola Laracha, un asunto no que o Partido Socialista sempre estará tendendo a man”.

Algunhas novas relacionadas