
Os socialistas de Outes agradecen ás plataformas Quijote e Apeom o seu traballo en defensa do rural fronte aos proxectos eólicos da Xunta
Os socialistas de Outes mantiveron unha xuntanza coas plataformas Quijote Outes e APEOM para agradecerlles “o traballo que están a desenvolver en defensa do rural, fronte a varios proxectos de parques eólicos da Xunta de Galicia”.
O PSOE lembra que o seu labor foi clave para que primase o valor das aldeas deste municipio fronte a estes proxectos, logrando así a declaración de “impacto ambiental desfavorable” emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático.
Dita declaración paraliza os cinco proxectos eólicos proxectados en Outes (San Cosmeiro, Maragouto, A Costa, A Picota II e O Vao) por non ser “ambientalmente viables”.
“Sen dúbida trátase dunha homenaxe curta pero ben merecida pola nosa parte e pola de todos os veciños e veciñas do noso concello. Sodes un exemplo do poder da mobilización social”, asegura José Antonio Caamaño Lestón, voceiro do PSOE de Outes.
Na xuntanza tamén participaron os deputados socialistas do Parlamento galego Noa Díaz, Martín Seco e Pablo Arangüena.