O PSOE de Coristanco critica o “uso electoralista do polígono industrial por parte do Partido Popular que promete de novo un proxecto que non foi capaz de realizar”

Os socialistas de Coristanco denuncian o “uso electoralista do polígono empresarial por parte do Goberno local do Partido Popular”. Neste sentido o voceiro e candidato á alcaldía, José Manuel Pérez Abelenda, sinalou que ante a proximidade das eleccións do mes de maio “o Goberno local anunciou unha reunión con representantes da Xunta para supostamente, avanzar sobre o plan deste polígono”.

“Casualmente, coa présa das eleccións, prometen nesa reunión que o polígono estará listo para 2024. É a mesma estratexia que a empregada nos comicios de 2019, cando o Partido Popular tamén anunciou o proxecto do parque industrial”, insiste o socialista, quen recorda que a día de hoxe non se iniciaron as obras.

Para os socialistas de Coristanco, a reunión ten un fin electoralista que quedará “só nunha promesa baleira, como xa ocorreu noutras ocasións”. Pérez Abelenda insistiu que o proxecto do polígono “leva sobre a mesa máis de 20 anos, pero a día de hoxe segue sen construírse porque o Partido Popular non foi capaz de materializalo”.

Nesta liña, o candidato socialista á alcaldía criticou que esta situación “condiciona o desenvolvemento do noso municipio, privando ás empresas de realizar as súas actividades nun espazo acondicionado para tal fin”.

O polígono convértese de novo nun reclamo electoral

“O Partido Popular volve a usar o polígono industrial da Miñata como reclamo, ao igual que leva facendo eleccións tras eleccións para condicionar a decisión dos veciños de cara ao próximo proceso electoral”, engadiu.

Neste sentido, o socialista recordou que nas anteriores eleccións de 2019, “o actual Goberno do Partido Popular de Coristanco e Feijoo xa anunciaran a posta en marcha do polígono. Tras unha lexislatura completa, aquel proxecto volveuse fume e continúa sendo unha nova promesa, que o Partido Popular utiliza para xogar coa sensibilidade e as necesidades do tecido empresarial, así como co avance económico-social de todo un municipio”.

Fronte ao desleixo por parte do Partido Popular, o PSdeG-PSOE de Coristanco mostrou o seu compromiso con esta área industrial. “Os orzamentos da Xunta para 2023 destinaba unha cantidade ínfima para este parque empresarial, un ozamento surrealista para acometer estas obras. Por iso os socialistas presentamos unha emenda aos orzamentos da Xunta, solicitando ampliar a contía económica destinada ás obras”, engade o socialista recordando que o Partido Popular votou en contra desta medida.

O Goberno local excluíu da reunión a parte do empresariado

Por último, os socialistas critican que na citada reunión, entre o Goberno local e o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García Porto e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez Mejuto, “só invitaron a unha pequena parque do empresariado de Coristanco, excluíndo á maioría das empresas e autónomos de Coristanco”.

“O Goberno local privou aos empresarios/as e autónomos/as da vila de coñecer os detalles deste proxecto, demostrando así a falta de transparencia e consideración cos veciños e veciñas”, engadiu.

“Lamentamos que o Partido Popular non faga máis que atrasar obras e servicios de moita necesidade e relevancia para Coristanco. As institucións deben de estar a disposición da veciñanza e nunca ao revés”, finaliza Pérez Abelenda.

Na imaxe, a zona onde se ubicaría o polígono, que continúa sen realizarse. 

Algunhas novas relacionadas