O eurodeputado socialista Nicolás González Casares apoia a declaración dos Montes do Gato de Oza-Cesuras e Aranga como Parque Natural

O eurodeputado socialista Nicolás González Casares visitou os Montes do Gato, situados nos municipios de Aranga e Oza-Cesuras, para apoiar a súa declaración como Parque Natural.

A visita de González Casares daba resposta ao apoio solicitado por parte das asociacións promotoras de Oza-Cesuras e Aranga para que os Montes do Gato sexan declarados Parque Natural por iniciativa popular. Esta proposta xa ten recadado máis de 40.000 sinaturas de apoio, 4.000 de elas entre a veciñanza da zona.

O eurodeputado foi recibido por Mónica Fernández-Aceytuno, da Asociación SOS Patrimonio Montes do Gato-Seselle, xunto a outros representantes das asociacións promotoras da iniciativa, nun encontro ao que tamén asistiron Pilar Pedreira, candidata socialista á alcaldía de Oza-Cesuras, e Sandra Pena, do PSOE de Aranga.

Nicolás González Casares asesorou ás promotoras da iniciativa e insistiu na necesidade de que a proposta sexa incluída dentro da Rede Natura, tal e como foi solicitado no ano 2012 pero aínda segue sen resolverse.

O apoio prestado polo eurodeputado Nicolás González Casares únese aos diferentes xestos de colaboración xurdidos xa por parte doutras institucións, como a Deputación da Coruña e o PSOE provincial.

Recentemente, tanto o presidente Valentín González Formoso como o voceiro do Goberno provincial, Bernardo Fernández, reuníronse tamén con representantes das asociacións Aire Limpio en As Mariñas-Mandeo de Aranga, a Asociación A-Legre de Oza-Cesuras, e a Asociación SOS Patrimonio Montes do Gato-Seselle, para incidir nos singulares valores ecolóxicos, medioambientais, arqueolóxicos, patrimoniais e culturais deste enclave.

A proposta para que os Montes do Gato sexan declarados Parque Natural conta con informes avalados polas Universidades de Santiago e A Coruña e, de saír adiante, sería o primeiro Parque Natural aprobado en vinte anos pola Xunta e o primeiro na historia de Galicia que xurde dunha iniciativa popular.

Algunhas novas relacionadas