O PSOE de Ribeira reclama ao goberno local que realice as obras de mellora na rúa Cristóbal Colón, unha proposta xa aprobada en pleno

Os socialistas de Ribeira solicitan ao Goberno local do Partido Popular “que axilice os trámites para realizar as obras de mellora na rúa Cristóbal Colón, que dá acceso ao Cemiterio Municipal”. A proposta das obras estaba aprobada polo Pleno da Corporación, “unha iniciativa do grupo socialista, pero o Goberno local non avanza no proxecto”, explica o voceiro socialista, José Manuel Vilas Álvarez.

“A contorna de Fafián está experimentando unha evolución nos últimos anos, coa construción de edificacións e infraestruturas viarias. Isto implica que se intensifica a circulación de vehículos e persoas, especialmente na rúa Cristóbal Colón, que dá acceso ao cemiterio”, explica o voceiro socialista.

“Un tráfico que se intensifica durante a celebración de acontecementos funerarios, xerando un caos de vehículos, especialmente na área do Cemiterio Municipal”, engade.

Neste sentido, o voceiro socialista recorda que no mes de marzo de 2022, “o Pleno aprobou realizar unha actuación nesta zona, unha proposta que presentamos dende o grupo socialista, co fin de solucionar os problemas na vía”.

“Esta zona da vía é perigosa no seu tránsito, xa que a calzada é estreita, o que empeora cando aparcan vehículos indebidamente nunha das súas marxes. Ademais, os peóns non teñen beirarrúa en ambos lados da vía”, engade. Neste sentido, os socialistas tamén piden que a Delegación de Tráfico valore o sentido de circulación e estacionamento, neste treito da rúa Cristóbal Colón.

Malia esta falta de seguridade na vía, “esta rúa segue nas malas condicións sinaladas, polo que está indiscutiblemente desatendida por parte da administración local”.

Algunhas novas relacionadas