
O candidato socialista Jorge Ulla anuncia o seu proxecto dunha “Cidade Deportiva” para Narón
O candidato socialista á alcaldía de Narón, Jorge Ulla, critica a falta de visión global do deporte por parte do Goberno local. Co obxectivo de dotar á cidade de equipamentos deportivos, o socialista anuncia que proxecta a construción dunha “Cidade do Deporte” para Narón.
Fronte a isto, os socialistas lamentan a falta de compromiso da alcaldesa, quen anuncia novos proxectos deportivos que nunca se realizan. “A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, anuncia e promete habitualmente diferentes actuacións en materia de deporte. Pero son proxectos que nunca se executan, como o campo de tiro con arco, prometido no ano 2020”, sinala o socialista.
“Narón precisa dun liderado forte, cun proxecto de futuro que se cumpra. Non un liderado baseado en promesas electoralistas que nunca se cumpran pola falta de xestión da alcaldesa de Narón”, puntualiza.
Neste sentido, o candidato socialista insiste en que Narón “precisa un salto de calidade propio do século XXI, que ilusione e dea protagonismo á oitava cidade de Galicia”.
Ante a falta de execución de proxectos deportivos por parte do Goberno de Marián Ferreiro, o candidato socialista comprométese “a dotar a Narón cunhas instalacións modernas coa construción da Cidade do Deporte”. “Debemos situar os espazos deportivos á altura da nosa cidade, que acollan competicións de nivel nacional e internacional e no que poidan adestrar os nosos deportistas”, finaliza.