
A candidata socialista da Laracha esíxelle ao alcalde que “faga os deberes e a vía verde sexa unha realidade”
A candidata socialista á alcaldía da Laracha, Palomi Rodríguez, esíxelle ao alcalde do concello, José Manuel López, “que faga os deberes e a Vía Verde sexa unha realidade”.
“O grupo municipal do PP presentou o mes pasado no pleno unha moción para pedir apoio para a Vía Verde, pero non realizou ningunha xestión nin comezou a redacción do proxecto, non hai nada feito”, explica Rodríguez.
En concreto, o Partido Popular pedía a inclusión como Via Verde dun tramo da antiga vía de ferrocarril Santiago-A Coruña que discorre por Laracha entre Boedo e Meirama.
O grupo socialista presentou unha enmenda, que foi rexeitada polo PP, na que propoñía “solicitar á Deputación da Coruña a inclusión no Plan director de mobilidade ciclista da Deputación da Coruña deste tramo de 4,1 quilómetros de distancia da antiga vía de ferrocarril Santiago-A Coruña, que discorre por Laracha entre Boedo e Meirama”.
Ademais, instaba ao grupo de goberno do Concello de A Laracha a que iniciase todos os traballos precisos para a redacción do proxecto correspondente, dando traslado da moción á Deputación da Coruña.
Palomi Rodríguez solicitou posteriormente unha reunión co presidente da Asociación de Concellos da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, Antonio Leira, quen lle concretou os pasos que o concello debía dar.
“De momento non se fixo nada, o alcalde ten que pedir a inclusión do tramo no plan de mobilidade, iniciar os traballos precisos para redactar o proxecto e poñerse en contacto co resto das administracións implicadas”, engade Rodríguez, que levará de novo o tema ao pleno municipal.
“Nin tan siquera ten os terreos a disposición do concello, co cual non se pode dar ningún paso; que deixe de poñer deberes aos demais e que faga primeiro el os que lle corresponden”, remata a candidata socialista.