
O PSOE da Laracha destaca a mellora da seguridade na estrada entre Caión e Arteixo tras un investimento de medio millón da Deputación
Os socialistas da Laracha destacan os avances nas obras de acondicionamento da estrada DP-0514, que comunica o municipio con Arteixo. A candidata socialista á alcaldía, Palomi Rodríguez, visitou os avances nas obras xunto ao portavoz do PSOE na Deputación e secretario xeral do PSdeG-Provincial, Bernardo Fernández Piñeiro.
“Grazas ao apoio da Deputación da Coruña, renovaranse máis de 10 quilómetros de estrada, garantindo a seguridade viaria nesta zona, entre Caión, na nosa vila, e o municipio de Arteixo”, sinalou a candidata socialista á alcaldía.
“Dende a Deputación destinamos case medio millón de euros a estes traballos, que se enmarcan no noso esforzo por mellorar a rede provincial de estradas”, explicou Bernardo Fernández Piñeiro.
As obras renovarán esta estrada cunha capa de mestura bituminosa en quente. Dentro da mellora do firme, levarase a cabo o fresado necesario en zonas de entronque con outras estradas e entradas de parcelas.
Para completar a actuación abriranse e limparanse as cunetas a ambas marxes do itinerario, mellorarase a drenaxe existente mediante a instalación de novos sumidoiros e ampliación de tajea e renovarase a sinalización horizontal. Por último, podarase o arboredo da contorna que polo seu estado actual poida supoñer un problema para as persoas que discorran pola estrada.