
Os socialistas de Ordes homenaxean aos veciños fusilados durante o alzamento franquista en 1937
Os socialistas de Ordes organizan o próximo venres, 10 de febreiro, ás 17:00 horas no cemiterio compostelán de Boisaca unha homenaxe aos veciños que foron fusilados durante o alzamento franquista por defender a democracia e a liberdade.
No acto intervirán familiares dos homenaxeados, membros da agrupación socialista de Ordes; deputados do partido; o coordinador comarcal, Antonio Leira, e o senador Manuel Mirás Franqueira, entre outros. Mirás foi membro da Comisión de Xustiza do Senado durante a aprobación da nova Lei de Memoria Democrática.
En febreiro de 1937 foron executados once veciños de Ordes, tras ser condenados nun Consello de Guerra. “Queremos renderlles esta homenaxe unha vez máis, deben estar sempre na nosa memoria”, lembra Carmen Ferreiro, secretaria xeral do PSOE de Ordes.
Será un acto sinxelo pero emotivo, co que os socialistas de Ordes queren render unha homenaxe a todas as persoas do concello e da comarca que loitaron pola liberdade na Guerra Civil e a ditadura franquista.