Os socialistas de Coristanco demandan á Deputación a mellora da seguridade peonil no núcleo de A Braña (Erbecedo)

Os socialistas de Coristanco demandan á Deputación da Coruña a mellora da seguridade peonil na estrada provincial DP 1911 ao seu paso polo núcleo de A Braña, na parroquia de Erbecedo.

O candidato socialista á alcaldía de Coristanco, José Manuel Pérez Abelenda, visitou a zona acompañado do secretario provincial do PSdeG e portavoz socialista na Deputación, Bernardo Fernández, para explicarlle in situ a necesidade de acometer obras que melloren a seguridade dos numerosos veciños e veciñas que se desprazan cada día a pé pola zona e que carecen dun paso peonil seguro, o que os obriga a camiñar polo borde da calzada.

“Trátase dunha zona con vivendas e os veciños trasládannos a necesidade de mellorar a seguridade, especialmente para os peóns”, afirmou Pérez Abelenda, que percorreu a estrada co portavoz socialista para mostarlle a necesidade dunha senda ou beirarrúa que garanta unha maior seguridade para os viandantes.

Tras supervisar a zona, o portavoz socialista na Deputación, Bernardo Fernández, confirmou que o servizo de Vías e Obras conta cunha petición da veciñanza da zona para mellorar a seguridade neste núcleo e anunciou que encargarán a redacción dun proxecto técnico para mellorar a seguridade nesta estrada provincial.

Algunhas novas relacionadas