A Agrupación Socialista de Cabana pide explicacións ao alcalde tras unha publicación sobre o ximnasio municipal

A Agrupación municipal do PSOE en Cabana de Bergantiños pide respostas ao alcalde, José Muíño, tras unha publicación na que “presumía” do ximnasio municipal inaugurado no ano 2007.   

Os socialistas pregúntanse da razón desta promoción, cantos veciños e veciñas da vila son usuarios do centro, pero sobre todo piden explicacións ao rexedor doutros moitos proxectos aínda sen resolver e de servizos que seguen sen cubrir e que afectan directamente o día a día da veciñanza. 

“Tamén podería falar o alcalde da promesa do Macropolígono industrial, do pleno onde se puxo un salario de 44.800 € ó ano e 28.000 € para as dedicacións de Carlos Allo e Perfecto Cabanela… Iso tamén pasou no 2007”, recorda o representante del PSdG-PSOE,  Juan Ramón Varela Martínez.  

Insisten os socialistas en que é o PSdG-PSOE o único que “mira pola xente e sentimos que en 15 anos a poboación pasou de máis de 5000 habitantes a tan so 4.185, mentres que o paro, con 900 habitantes menos no censo, case é o mesmo”. “Onde está o traballo do Concello para mellorar o emprego?”, cuestionan.  

A agrupación socialista de Cabana pon na memoria a entrevista de José Muíño onde afirmaba que “os alcaldes deberíamos ter limitados os mandatos… Eu non quero estar nesto vinte anos, porque hai que renovarse e debe entrar savia nova”. “Non hai problema. Sempre estará o ximnasio municipal para descargar enerxía negativa”, engaden dende o PSOE con ironía.   

Algunhas novas relacionadas