Os socialistas elevan á Deputación a preocupación da veciñanza de Val do Dubra ao Parque Eólico de Vilartoxo

Bernardo Fernández, portavoz do grupo socialista na Deputación da Coruña, xunto a Blas García, deputado provincial, e o voceiro do PSOE en Val do Dubra, Diego Luís Díaz, reuníronse en outubro con varias asociacións de Val do Dubra e a Baña afectadas polo Parque Eólico de Vilartoxo, entre elas Vento Libre do Val do Dubra, co fin de recoller as súas inquietudes respecto a unha implantación que está a producir un rexeitamento xeralizado.

Unha vez celebrada onte a reunión dos diferentes voceiros dos grupos da corporación provincial cos representantes das entidades afectadas, analizaranse nos vindeiros días unha serie de conclusións para coordinar e consensuar unha moción de apoio por parte da Deputación da Coruña a este asunto.

O Grupo socialista do Val do Dubra mantén a súa postura contra a implantación do Parque Eólico de Vilartoxo, no que se prevé instalar seis aeroxeneradores SG145- 4,5MW (27MW en total) cunha altura de buxe de 145m e unhas palas de 71m, entre A Baña e Val do Dubra, con especial afectación na parroquia de San Román deste segundo concello.

O compromiso por parte de Diego Luis Díaz é “expoñer o rexeitamento da veciñanza do Val do Dubra a este proxecto, pois tras as explicacións, os datos e as probas amosadas polos afectados, todo parece indicar que o parque de Vilartoxo é en realidade resultado dun fraccionamento para evitar os efectos dunha avaliación ambiental máis restritiva”.

Así mesmo, as alegacións presentadas polo propio Concello do Val do Dubra van na mesma dirección que as realizadas polos veciños e veciñas afectadas e inciden, entre outros aspectos, na vulneración da Directiva 92/43/CEE, relativa á Conservación de Hábitats Naturais e da Fauna e Flora Silvestres; na ausencia de utilidade pública e interese social do proxecto eólico Vilartoxo; na vulneración flagrante da Directiva Marco dá Auga (DMA); na afección para as familias que residen nos núcleos máis próximos, e na falta de autorizacións de Patrimonio Cultural.

Algunhas novas relacionadas