
O PSOE Provincial reúnese coas asociacións de maiores e reclama á Xunta máis axudas para o sector
A Agrupación Provincial Socialista da Coruña está a realizar nestas semanas un percorrido polas diferentes asociacións de maiores da provincia.
Esta semana, Mª José Cebreiro, secretaria provincial de Pensións e Maiores, e Aitor Bouza, membro da executiva provincial, reuníronse coa Asociación Provincial de Pensionistas y Jubilados (U.D.P. A Coruña).
Durante o encontro, os socialistas coñeceron de primeira man as demandas destes colectivos. Neste sentido, a agrupación socialista esixe á Xunta partidas orzamentarias destinadas a este tipo de asociacións.
“Cómpre que a Xunta inclúa nas contas que vén de presentar para 2023, axudas para este tipo de asociacións”, sinalan os socialistas. Neste sentido, recordan a importancia destas entidades, que fomentan o envellecemento activo, impulsando diversas actividades.
Nos vindeiros días, os socialistas reuniranse con outras asociacións deste tipo na provincia, co obxectivo de compartir e escoitar as súas necesidades.