Os socialistas do Interior Coruñés critican o constante abandono aos concellos do rural nos orzamentos da Xunta

Os socialistas do Interior Coruñés critican duramente os orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2023, insistindo no constante abandono do goberno autonómico a esta comarca.

Nunha reunión con membros da executiva provincial, puxéronse sobre a mesa, ademais, algunhas das grandes problemáticas destes concellos, que se incluirán nas enmendas que se presentarán por parte do PSdG-PSOE no Parlamento.

“Constatamos novamente que estamos ante unha comarca que se sente totalmente abandonada por parte do goberno da Xunta de Galicia, polo que dende a executiva provincial da provincia da Coruña queremos trasladarlles, como non pode ser doutro xeito, o noso apoio a todos os compañeiros e compañeiras que están traballando a carón da cidadanía”, suliñou Aitor Bouza, membro da executiva do PSdeG Provincial.

“Nesta semana que comeza queremos trasladar a mensaxe en positivo de que fronte aos ataques da Xunta de Galicia nestes rozamentos, imos traballar xustamente do outro lado, a pé de país, ao carón da xente, para todas aquelas cuestións no territorio que son tan fundamentais, tan importantes para a vida da xente”, engadiu Bouza, que insistiu na esixencia ao goberno da Xunta de Galicia para que “rectifique estes rozamentos”.

Dende a executiva provincial tamén quedou patente que “queremos converter todas esas inquedanzas e todas esas propostas nunha realidade, o que faremos por medio das enmendas que farán os compañeiros e compañeiras no territorio”.

“Pedimos unha rectificación inmediata e que eses compromisos que din que ten o goberno da Xunta de Galicia se materialicen por escrito, non soamente nas verbas, nas notas de prensa e no fume que leva a cabo o goberno galego”, requeriu Bouza.

Enrique Astray, coordinador do PSOE na comarca do Interior Coruñés, apuntou que “a Xunta de Galicia, unha vez máis, olvídase do interior coruñés, olvídase do noso rural e olvídase de obras tan necesarias e trascendentais para os nosos concellos”. “Dende aquí facemos un chamamento para que a Xunta de Galicia pense, lle de unha volta e se implique máis co interior coruñés”, engadiu.

O deputado socialista no Parlamento, Martín Seco, volveu poñer en énfase “a frustración que senten tódalas parroquias, as comarcas do interior de Galicia, por ese abandono continuo que ten a Xunta de Galicia co medio rural”.

“Vemos partidas moi pequenas que non afrontan os problemas reais que levan os nosos grupos municipais aos concellos para que a Xunta de Galicia realice aquelas obras tan necesarias tanto nos colexios como nos centros de saúde, nas concentracións parcelarias, os problemas graves con respecto a traída… e tantas cuestións que se porán de manifesto cando os nosos compañeiros presenten as enmendas oportunas e o grupo parlamento as recollamos”, aseverou Martín Seco.

Algunhas novas relacionadas