Os socialistas de Malpica consideran “unha falta de respecto aos nosos veciños” que o pleno extraordinario sobre a crise da auga potable sexa o luns ás 08:30 horas

Os socialistas de Malpica consideran “unha falta de respecto a todos os veciños e veciñas” que o pleno extraordinario sobre a crise da auga da rede municipal sexa este próximo luns, día 7 de novembro, ás 08:30 horas.

“Solicitamos o pleno extraordinario porque os veciños merecen respostas e explicacións sobre uns feitos moi graves, pero a decisión de convocalo nun horario fóra de toda lóxica reflicte a forma de facer política do grupo de goberno do PP”, afirma Walter Pardo, portavoz do PSOE de Malpica.

“Non é un bo horario nin para os concelleiros e concelleiras, que non todos teñen dedicación exclusiva como ben sabe o alcalde, nin por suposto para os veciños e veciñas de Malpica”, engade Pardo.

O pleno e a crise derivan dunha alerta en relación á calidade da agua da rede pública municipal decretada o 14 de agosto debido ao incumprimento dos parámetros THM (trihalometanos), considerándose en consecuencia non apta para o consumo humano mediante inxesta.

Despois de varias solicitudes de información, o PSOE pediu o pleno extraordinario “para poñer en coñecemento e someter a debate calquera documentación, actas ou informes dos resultados de todas as analíticas practicadas á auga da rede pública municipal nos últimos dous meses”.

O PSOE solicita por otra parte “dar conta de todo calquera tipo de comunicación remitida polo organismo competente da Xunta da Galicia en relación a esta situación, nas que se indiquen rexistros de calidade da auga municipal, analíticas ou incumprimentos de parámetros que establezan que a auga non conta coa suficiente calidade para ser consumida”.

Ademais, os socialistas pedían por escrito e coa antelación mínima suficiente para poder proceder ao seu debate na sesión plenaria extraordinaria unha resposta ás seguintes preguntas: “Dende que día a auga pública non reúne os requisitos precisos para ser apta para o consumo mediante inxesta? Como foi o proceso levado a cabo para descubrir que a auga da rede municipal non era apta para consumir? Tomáronse medidas previas co obxectivo de reducir os parámetros THM con anterioridade á comunicación da alerta?”.

Con relación a este tema, o alcalde, Eduardo Parga, envioulle ao PSOE o pasado 20 de outubro un requerimento de subsanación, ao entender que non procedía esta solicitude de información por escrito e con anterioridade, excluíndo finalmente o grupo de goberno este punto da orde do día do pleno.

Algunhas novas relacionadas