
O PSOE de Santa Comba denuncia que os orzamentos da Xunta “esquecen aos concellos do rural como o noso”
Os Socialistas de Santa Comba critican os orzamentos da Xunta para o ano 2023 e insisten no esquecemento e menosprezo do goberno de Alfonso Rueda aos concellos rurais da provincia.
Dende o PSdeG consideran necesario que a administración autonómica outorgue a Santa Comba un trato xusto, con partidas e investimentos imprescindibles para mellorar a vida dos seus veciños e veciñas, e por iso presentarán unha serie de enmendas a estes orzamentos.
As emendas céntranse fundamentalmente en tres áreas: a estrada AC406 que une Santa Comba e Portomouro, fondos para solucionar os problemas no CEIP Barrié de la Maza e no CEIP Pepe Xan Baña, e aclarar o futuro do Centro Médico.
O PSOE de Santa Comba considera totalmente insuficiente a achega prevista pola Xunta para a estrada AC406 que une Santa Comba e Portomouro, pois o goberno só prevé 750.000 euros para acondicionar este tramo, “o que é completamente insuficiente tendo en conta que os 1,9 quilómetros xa executados no 2019 tiveron un valor de 4,2 millóns de euros”.
O grupo socialista insiste a súa vez na necesidade de cumprir con actuacións comprometidas hai anos e que nunca se fixeron nesta estrada, onde urxe dotar de maior seguridade aos núcleos de poboación, colocar beirarrúas e dotar de maior visibilidade, por exemplo, a tramos de estrada moi perigosos.
Alberto Romar, candidato socialista á alcaldía de Santa Comba nas próximas eleccións municipais, lamenta que sega sen ter solución o que califica como “a eterna promesa”. “Despois de anos e anos de promesas, os socialistas de Santa Comba pedimos certezas para a AC406”, asevera.
Os socialistas de Santa Comba tamén inclúen nas súas enmendas a petición de fondos para resolver problemáticas en dous centros de Educación Infantil e Primaria do seu concello. No Barrié de la Maza urxe unha renovación integral que pasaría, entre outras actuacións, polo cambio de cubertas debido aos problemas coas filtracións e o cambio de fiestras, persianas e de iluminación por novos puntos de luz con tecnoloxía LED que aseguren o aforro.
Son moi semellantes as carencias no CEIP Pepe Xan Baña que, entre outras carencias, tamén sofre goteiras na entrada do centro e na sala de profesores.
Nas enmendas aos orzamentos da Xunta tamén incluirá o PSOE de Santa Comba o futuro do centro médico de Santa Comba, coa vaga de recortes no Sergas que repercute á hora de cubrir as necesidades básicas dos seus veciños e veciñas.
Con estes proxectos os socialistas de Santa Comba queren dar resposta ás necesidades da veciñanza, ignoradas de xeito reiterado pola Xunta neste últimos anos.