Os socialistas esixen á Xunta que non despida a profesionais sanitarios do Hospital de Cee

Os socialistas consideran que a chegada de celadores ao Hospital Virxe da Xunqueira de Cee, en cumprimento dunha sentenza xudicial, non pode en ningún caso provocar o despido doutros traballadores do centro.

O Sergas viuse na obriga de facer efectiva unha sentenza do Tribunal Supremo que obriga á Xunta a incluír esta categoría no hospital, tras un longo proceso xudicial impulsado polo Sindicato de Técnicos de Enfermería (SAE).

“Os traballadores aseguran que a incorporación dos celadores suporá a eliminación de catro contratos de Técnicos en Coidados de Enfermería, algo que non podemos permitir”, afirman os socialistas.

A deputada Begoña Rodríguez levará este tema ao Parlamento de Galicia, trasladando unha demanda da alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, e Paula Mouzo, coordinadora do PSdeG da Costa Atlántica, solicitando que o cumprimento dunha sentenza non supoña recortes e despedimentos no hospital.

“Non podemos permitir novos recortes na sanidade pública galega, falamos dun servizo básico e esencial para os nosos veciños e veciñas”, engade o PSdeG.

Os socialistas lembran que o PP recortou 976 profesionais da sanidade pública galega, a maior parte deles en hospitais comarcais e centros de saude fora das áreas urbanas, o que supón un deterioro importante donsistema público de saude que está a perxudicar a veciñanza de comarcas como a Costa da Morte.

Algunhas novas relacionadas