Os socialistas da Costa Atlántica lamentan “a falta de compromiso da Xunta con infraestruturas como a ampliación da autovía”

Os socialistas da Costa Atlántica denuncian que os orzamentos da Xunta de Galicia, “esquecen á comarca e non pensan no día a día da cidadanía”. Os representantes socialistas reuníronse para avaliar as contas na comarca, reivindicando “a falta de compromiso da Xunta con infraestruturas como a ampliación da autovía ata Camariñas”.

“Un ano máis, o Goberno do Partido Popular na Xunta de Galicia esquecen á comarca da Costa Atlántica. Non pensan no día a día da cidadanía, malia as continuas demandas dos nosos alcaldes e alcaldesas”, sinala Paula Mouzo, coordinadora comarcal.

Mouzo reivindica que esta situación de esquecemento “debe cambiar e a cidadanía ten que coñecer a realidade que sucede na Xunta de Galicia”. Neste sentido, subliña “estanse a rir de nós, porque aqueles que gobernamos nesta comarca petamos nas portas da Xunta para pedir financiamento, pero logo o Goberno de Alfonso Rueda elabora uns orzamentos que nos ignoran”.

A deputada socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, lamentou que estes orzamentos “non paralizan a sangría demográfica que sufre esta comarca, na que a vertebración territorial sería fundamental”. A socialista lamentou a falta de compromiso da Xunta con “reivindicacións históricas, como a ampliación da autovía a Camariñas, un proxecto que Feijoo xa dicía que estaba sobre a mesa fai anos”.

“Fronte a iso, vemos como outros municipios gobernados polo Partido Popular reciben importantes cantidades para saneamento. Porén, se un alcalde ou alcaldesa socialista solicita á Xunta unha obra de saneamento, a resposta sempre é negativa, xa que é competencia municipal”, engade.

“Reivindicamos que a Xunta de Galicia, gobernada polo Partido Popular, acepte as emendas que presentaremos e as incorpore ás contas para 2023, saldando a débeda histórica que ten con esta comarca”, finaliza Rodríguez Rumbo.

Pola súa banda, Aitor Bouza, membro da executiva do PSdeG Provincial da Coruña, enmarcou esta reunión “no ciclo que estamos facendo esta semana por toda a provincia, escoitando ás demandas da cidadanía para comprobar se se cumpren coas súas expectativas”.

“As contas do Partido Popular, como comprobamos, están en contra das necesidades da xente. O Goberno de Alfonso Rueda emprega os orzamentos de maneira electoralista para beneficiar aos concellos do Partido Popular”, sinalou Bouza.

Neste sentido, o socialista sinalou que o PSdeG “seguirá traballando coa cidadanía, para arranxar cuestións que si poden cambiar a vida da xente. Seremos o altofalante no Parlamento da cidadanía”.

Algunhas novas relacionadas