
O PSOE de Bergantiños denuncia que os orzamentos da Xunta “esquecen e menosprezan á comarca”
Os socialistas de Bergantiños consideran que a Xunta “esquece e menospreza á comarca nos seus orzamentos, incluíndo partidas orzamentarias ínfimas destinadas a infraestruturas que non se poderán realizar”. O coordinador comarcal, Sergio García, fixo en Carballo unha valoración dos orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro 2023, acompañado de Begoña Rodríguez Rumbo, deputada socialista, e Aitor Bouza, membro da executiva provincial do PSdeG.
“A comarca de Bergantiños está esquecida e menosprezada polo goberno do Partido Popular na Xunta de Galicia. Os seus orzamentos son un vende fume, exemplos disto son a variante de Carballo, o polígono industrial de Coristanco ou a dársena interior de Malpica, que contan con partidas orzamentarias ínfimas e que non permiten realizar proxectos desa envergadura”, sinala o coordinador comarcal, Sergio García.
Segundo explica o socialista, “a Xunta asigna a estes proxectos partidas ridículas para poder dicir que as inclúen nos orzamentos, pero é imposible que completen esas infraestruturas con eses cartos”.
“Nesta comarca hai varios concellos que non contan con ningunha partida orzamentaria. Por iso, os socialistas presentaremos emendas a estas contas, aínda que xa saibamos a resposta negativa da Xunta”, finaliza.
Pola súa banda, a deputada socialista Begoña Rodríguez Rumbo destacou que a comarca de Bergantiños “recibirá algo máis de 4 millóns de euros, un presuposto escaso co que pretenden acometer infraestruturas fundamentais, como a variante de Carballo. Esta obra leva anos aparecendo nas contas do Partido Popular, pero nunca se executa e, de feito, teñen previsto que as cargas maiores sexan cara o ano 2026, polo que seguirá sen completarse esta necesaria infraestrutura”.
“É unha práctica habitual do Partido Popular, recollen determinados proxectos pero logo non se materializan: son as infraestruturas de papel”, subliña a socialista.
Ademais, a deputada fixo fincapé na partida destinada á mellora da rede de abastecemento da Laracha, “orzamentada en 1,8 millóns de euros, malia que a propia conselleira de Infraestruturas sentencia sempre que o abastecemento e o saneamento son competencias municipais”. Neste sentido, Rodríguez Rumbo recorda “deben de ser competencias dos municipios nos que goberna o PSdeG, porque na Laracha goberna o PP”.
Por último, Aitor Bouza, membro da executiva do PSdeG Provincial da Coruña, explicou o percorrido que están a facer “por toda a provincia, para obter unha valoración e verificar se os orzamentos son acordes ás necesidades da cidadanía”.
O socialista subliñou que as contas “son insuficientes, co obxectivo de beneficiar ao Partido Popular de cara ás vindeiras eleccións municipais”. Neste sentido, Bouza cualificou as contas da Xunta como “un castigo á provincia da Coruña, gobernada maioritariamente polo PSdeG e cuxo líder, Valentín González Formoso, é presidente da Deputación da Coruña”.