
Os socialistas do Barbanza denuncian “a discriminación dos habitantes dos concellos non gobernados polo PP nos orzamentos da Xunta”
Os socialistas do Barbanza denuncian “o nulo compromiso dos orzamentos na comarca”. Os representantes socialistas dos municipios desta comarca reuníronse para analizar os presupostos da Xunta de Galicia para o vindeiro 2023.
“O Goberno de Alfonso Rueda benefíciase da súa maioría absoluta para repartir os orzamentos de forma partidista. Os Concellos gobernados polo Partido Popular saen máis beneficiados que aqueles gobernados por outros partidos, un feito escandaloso e intolerable”, sinala José Luis Ruíz Laíño, coordinador comarcal dos socialista no Barbanza.
Neste sentido, o socialista denuncia: “Nos municipios gobernados polo Partido Popular o investimento será de 158 euros por habitante, fronte aos 28 euros por habitante dos municipios gobernados por outras forzas políticas”.
Ruiz Laíño contrapón esta política, “xa iniciada por Feijoo e agora continuada por Alfonso Rueda”, co reparto de fondos da Deputación da Coruña. “O goberno de González Formoso reparte equitativamente os fondos entre os municipios, porén, o Partido Popular discrimina á cidadanía das localidades nas que non goberna”, lamenta.
“Non obstante, malia que a Xunta non inviste a mesma cantidade nos habitantes dos diferentes municipios, esta discriminación non se repite á hora de pedir o voto, recadar impostos ou cobrar as taxas. Para iso toda a cidadanía si é igual, pero para repartir o orzamento non”, finaliza.
Falta de compromiso en sanidade, educación e política social
Tamén estiveron presentes as deputadas Noa Díaz e Begoña Rodríguez. Pola súa parte, Díaz denunciou “a falta de compromiso co desenvolvemento da comarca en todos os ámbitos”. A socialista sinalou que, agás obras de saneamento en concellos puntuais e nomeadamente do PP e contadas obras de Portos de Galicia, “non hai obras nas que a Xunta asuma as súas competencias en materia sanitaria, política social ou educativa”.
Deste modo, Díaz anunciou que esta falta de compromiso “exporase nas emendas que presentarán os socialistas ás contas da Xunta”.