Os socialistas da comarca de Compostela denuncian “o uso partidista dos orzamentos da Xunta por parte do Partido Popular”

Os socialistas da comarca de Santiago denuncian “o uso partidista dos orzamentos da Xunta por parte do Partido Popular”. Os representantes socialistas dos municipios da comarca de Compostela reuníronse para analizar as contas do Goberno autonómico para o vindeiro ano.

“A Xunta de Galicia discrimina aos veciños e veciñas gobernados polos socialistas, repartindo o orzamento atendendo unicamente a criterios partidistas”, denuncia o coordinador comarcal, Antonio Leira.

Neste sentido, o socialista lamentou “o uso partidista das contas, deixando de lado ás persoas por un fin electoral”. Deste modo, “os concellos discriminados non nos quedaremos quietos ante esta situación e mostraremos o noso rexeitamento ante estas contas”.

Pola súa banda, a deputada autonómica Noa Díaz esixiu que os orzamentos da Xunta “deben atender as peticións dos municipios desta comarca”. A socialista resaltou “a insuficiencia dunhas contas que mostran o nulo compromiso da Xunta coa cidadanía”.

Díaz sinalou “a falta de investimentos proxectados pola Xunta, dos poucos que figuran son para gobernos do Partido Popular e ningún responde ás necesidades dos municipios”. Ademais, a socialista denunciou “a ausencia de 8 municipios nos investimentos do próximo curso, mentres que 4 concellos recibirán partidas para obras en estradas comprometidas dende fai anos, que esperamos que este ano se executen por fin”.

“Por último, cabe sinalar que certos concellos, na súa maioría gobernados polo Partido Popular, recibirán obras de saneamento”, sinala Díaz, quen engade “é curioso que a Xunta afirme sempre que o saneamento é competencia municipal pero que decida asumila no ano electoral nos concellos do Goberno local”.

Algunhas novas relacionadas