
O PSOE de Touro solicita unha xuntanza coa xerente do Sergas para esixir o mantemento do Servizo de Pediatría
O Grupo Socialista de Touro solicita unha xuntanza coa xerencia do Sergas para esixir un compromiso en firme de manter o servizo de Pediatría en condicións óptimas.
“Despois das declaracións realizadas pola nova xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, afirmando que non pode haber un pediatra en cada centro de saúde, non nos imos quedar de brazos cruzados”, afirma Gemma López, portavoz dos socialistas de Touro.
“Nos últimos anos vimos arrastrando unha gran problemática con este servizo, que obriga por tempadas a ir ás familias coas cativas e cativos a centros de saúde doutros concellos, polo que non imos permitir que a cousa vaia a peor”, insiste.
O PSOE de Touro insta desta forma ao goberno do PP de Touro a que “dea a cara polos seus veciños e veciñas” e que se antepoña a un posible recorte e a un posible empeoramento do Servizo de Pediatría.
Agardan ademais dende o Grupo Socialista que Ignacio Codesido exerza o seu papel de alcalde e que solicite tamén unha xuntanza para esixir á Xunta de Galicia o bo funcionamento do Servizo de Pediatría no Centro de Saúde de Touro.
“Trasladaremos tamén a nosa preocupación ao Grupo Parlamentario do PSdeG para que tomen as medidas necesarias”, reitera Gemma López, que engade: “Xa está ben de quitar médicos nos Centros de Saúde”.