O PSOE de Coristanco denuncia “o abandono da vila por parte dos orzamentos da Xunta de Galicia para 2023”

A Agrupación Socialista de Coristanco denuncia “o abandono da vila por parte dos orzamentos da Xunta de Galicia para o próximo 2023”. O voceiro socialista, José Manuel Pérez Abelenda, subliña que a partida destinada para o polígono industrial “é surrealista e insuficiente para acometer as obras que promete o Partido Popular, unha infraestrutura prometida fai 20 anos e que seguirá sen ser unha realidade”.

Os socialistas subliñan que nos últimos tres exercicios, “a Xunta só comprometeu 30.000 euros para a cidadanía de Coristanco, no 2020 foron 0 euros, no 2021 a vila logrou 30.000 euros, pero en 2022 deixáronnos de novo con 0 euros”.

“O Partido Popular xoga coa veciñanza de Coristanco. Nos orzamentos para 2023 compromete 212.000 euros para o Parque Empresarial, pero é unha cantidade surrealista para acometer as obras que anuncian”, denuncia Pérez Abelenda.

“O proxecto do polígono industrial de Coristanco é unha promesa feita fai 20 anos, pero que segue sen construírse. Unha promesa que condiciona o desenvolvemento do noso municipio, privando ás nosas empresas de realizar as súas actividades nun espazo acondicionado para iso”, puntualiza o voceiro, quen engade que o Partido Popular “volverá a usar o polígono industrial da Miñata para condicionar a decisión dos veciños e veciñas nas próximas eleccións”

Esquecemento da sanidade e a educación públicas

Os socialistas de Coristanco presentarán emendas aos orzamentos da Xunta de Galicia, a través do PSdeG-PSOE. “Reclamaremos melloras en sanidade e en educación, as grandes esquecidas da Xunta nos orzamentos”, subliña o voceiro.

Segundo Pérez Abelenda, “os orzamentos da Xunta esquecen á sanidade pública. En Coristanco levamos anos sen matrona, obrigando ás mulleres a desprazarse a outros municipios para ser atendidas”. O socialista tamén denuncia “a falta de pediatra nos meses de verán, obrigando ás familias a desprazarse a outros municipios”

O voceiro socialista insiste na necesidade “de que a Xunta comprometa unha partida económica para completar os servizos do centro de saúde”.

A situación de precariedade tamén toca á educación pública: “dos tres colexios públicos de Coristanco, todavía hai un que non dispón de polideportivo para que o alumnado realice as actividades deportivas nun espazo axeitado, especialmente en inverno. De novo, non vemos que a Xunta comprometa unha partida para dotar ao centro desta instalación”.

“Por desgraza sabemos que o Partido Popular non aceptará estas emendas aos seus orzamentos. Unha situación que xa sucedeu cando os socialistas solicitamos para o orzamento de 2020 unha partida para construír unha senda dende Agualada ata Agriloi”, explica o voceiro.

Segundo relatan os socialistas, “o Partido Popular votou en contra desta senda, porén, en 2009, o Partido Popular Provincial admitira que era necesaria a senda pola falta de seguridade peonil na zona”.

O voceiro socialista lamenta “o atraso das obras e servizos provocado polo Partido Popular, intervencións necesarias e de relevancia para Coristanco”.

 

Algunhas novas relacionadas