
Os socialistas de Malpica califican de “esmola” a partida dos orzamentos da Xunta para o concello
A Xunta de Galicia presentou este pasado xoves os seus orzamentos para o Concello de Malpica que segundo o PSdG só admiten un nome: “Esmola”.
O goberno autonómico reserva 25.776 euros para arranxar a dársena interior do Concello o que segundo os socialistas da vila “únicamente permitirá cambiar as rodas como moito”.
“Esa é toda a axuda para Malpica no vindeiro ano”, insisten dende o PSdG de Malpica.
Nestes orzamentos para o ano 2023 a Xunta non tivo en conta ningunha partida específica para obras e servizos para os veciños e veciñas de Malpica como a mellora da rede de abastecemento de auga potable, a continuidade do saneamento ou a mellora da iluminaria. Tampouco se recolle a construción dun novo centro médico pese aos anuncios reiterados do alcalde.
“Queren que vivamos na precariedade absoluta. Este é o valor que lle da o goberno de Alfonso Rueda ao noso concello?”, se preguntan dende o PSdG de Malpica.
Os socialistas tamén critican o silencio do goberno local do PP co alcalde Eduardo José Parga Veiga á cabeza, aos que acusan de estar “aplaudindo coas orellas” estas decisións da Xunta. “Así defenden os intereses dos malpicáns? É este o tipo de vida que queren para os seus veciños?”, reiteran.
Ante o evidente malestar con estes orzamentos, dende o PSdG de Malpica xa advirten que “faremos un exercicio de responsabilidade política enmendando estes orzamentos”. “Pediremos a mellora de toda a rede de abastecemento de auga potable. Esixiremos unha partida destinada a continuidade do saneamento que se enmarque no plan director de saneamento integral presentado por nós e voltaremos unha vez mais a reclamar unha mellora digna na seguridade da dársena interior”, suliñan os socialistas de Malpica.