O PSOE Provincial denuncia que os orzamentos da Xunta “ignoran ás comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal”

Os socialistas da provincia lamentan o escaso investimento dos orzamentos da Xunta de Galicia nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. O alcalde de Ferrol, Ángel Mato; a deputada socialista, Natividad González Laso, e a integrante da executiva provincial, Marina Bouza, analizaron as contas autonómicas para 2023.

“O Partido Popular déixanos unha vez máis escasos, ignorando ás comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal”, sinala Marina Bouza, membro da executiva provincial. Segundo a socialista, o Partido Popular “fai política para prexudicar nos municipios nos que non goberna, pero sen mirar se fai dano á cidadanía”.

“Ademais de ignorar ás comarcas, o señor Rey Varela minte cando afirma que se destinan 90 millóns de euros xa que suma as previsións de gasto das obras para os próximos anos, en vez de ceñirse unicamente ao 2023 e ao que aparece no orzamento”, lamentou a socialista.

Segundo sinalou Bouza, os orzamentos da Xunta destinarán ás comarcas aproximadamente 32 millóns de euros, “3 veces menos dos 90 millóns dos que fala Rey Varela”. A socialista lamentou a falta de investimento social nas contas autonómicas: “Continúan por exemplo cargando aos Concellos coas horas do servizo de atención no fogar (SAF), onde a Xunta só paga unha parte das horas malia a necesidade deste servizo”.

Escasa ambición pola cidade de Ferrol

Pola súa banda, o alcalde de Ferrol valorou os orzamentos da Xunta para a cidade, “que non demostran ningunha aposta polos servizos públicos, o emprego ou a diversificación industrial”.

Mato tamén criticou a escasa aposta polos servizos públicos. “É indecente que coas necesidades existentes en institutos, colexios, centros de día, entre outras instalacións, que o único investimento nun edificio público sexa no propio edificio da Xunta en Ferrol, malia que afirmaron que a súa delegación territorial non tería ningún custo”.

O alcalde socialista tamén criticou a ausencia das “partidas para a formación da plantilla da industria, así como a falta dos fondos comprometidos para as instalacións deportivas”. Mato mostrou ademais a súa sorpresa “pola satisfacción do señor Rey Varela ante a ampliación do hospital, xa que leva 20 anos esperando esa obra”.

O rexedor de Ferrol celebrou “o investimento no saneamento rural, con 1,8 millóns de euros”. Non obstante, o socialista expresou que pedirá ao presidente da Xunta “rapidez na licitación deste servizo, non podemos presentar proxectos e logo non executalos”.

As vías de alta capacidade

Pola súa banda, a deputada socialista Natividad González Laso cualificou aos orzamentos da Xunta de Galicia de “rémora para o desenvolvemento de Ferrol e as comarcas da zona”. A socialista fixo especial fincapé nos atrasos das vías de alta capacidade que compensarían o trazado da transcantábrica.

“Fai máis de 20 anos, o Partido Popular gobernando na Xunta e no Goberno central decidiu illarnos co trazado interior da transcantábrica, prometendo compensar coas vías de alta capacidade”, relatou.

Un proxecto “que tiña que estar rematado no ano 2007 pero que seguimos a ver nos orzamentos para o vindeiro ano, pola paralización do Partido Popular”, sinalou a socialista.

“Pero, alén do retraso, a realidade destas vías no orzamento dista moito do que explica Rey Varela, quen adopta a metodoloxía de sumar os orzamentos previstos para unha obra ao longo dos anos, en lugar de dar o dato do ano correspondente”, subliñou González Laso.

“Nas obras da AC-862, o Partido Popular fala de 4 millóns de euros, pero o 50% correspóndelle á provincia de Lugo, só 2 millóns serán para as nosas comarcas. Algo similar ós traballos da AG-64, dos que o PP fala dun investimento de máis de 40M de euros para 2023, cando a súa propia Lei de Orzamentos di que serán 8M de euros o vindeiro ano”, finalizou.

 

Algunhas novas relacionadas