O PSOE de Val do Dubra cuestiona a idoneidade da viaxe a Italia do alcalde e tres concelleiros cando o persoal municipal aínda non cobrou a última nómina

Os socialistas de Val do Dubra cuestionan a idoneidade do momento elixido polo alcalde, José Manuel Varela, o primeiro tenente alcalde, Oscar del Río; o segundo tenente de alcalde Óscar Viña e a concelleira Rosa Parafita para realizar unha viaxe a Italia.

“Estamos a día 20 e o persoal segue sen cobrar a súa nómina, xa son tres semanas de retraso, con cotizacións da Seguridade Social sen pagar e outros pagos a autónomos cun importante atraso”, lembra Diego Luis Díaz, portavoz do PSOE de Val do Dubra.

“Aínda que non existe ningún tipo de información oficial e publicada, alcalde e concelleiros están en Italia para traballar nun suposto irmandamento cun pobo que a Corporación descoñece e polo cal incluso se moveu a data do pleno ordinario previsto para o día de hoxe. Os veciños merecen unha explicación; non sei se é necesario que se despracen catro persoas para realizar estas xestións, e en calquera caso  ante esta situación tan delicada non parece o mellor momento”, engade.

Por outra parte, os socialistas presentaron un escrito no concello o pasado mes de febreiro para solicitar “a documentación acreditativa dos xustificantes de gasto, relativa aos desprazamentos, manutencións, dietas e calquera outro tipo de percepción análoga do alcalde e os concelleiros do goberno do mandato 2019-2023”.

“Polo momento non recibimos esta información, só queremos saber que cantidades se estan destinando a este concepto”, remata Díaz.

Algunhas novas relacionadas