
Bernardo Fernández destaca que os orzamentos xerais multiplican por cinco o investimento en Ferrol respecto ao último ano de Goberno do PP
O secretario xeral do PSdeG na provincia da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, fixo balance hoxe do impacto dos Orzamentos Xerais do Estado 2023 na comarca de Ferrol. O socialista estivo acompañado polo alcalde da cidade, Ángel Mato, e a deputada socialista no Congreso, Natividad González Laso.
“Na cidade de Ferrol, o investimento dos Presupostos Xerais do Estado multiplícase por cinco con respecto ao último orzamento do Goberno de Mariano Rajoy. De feito, se sumamos a construción das Fragatas F-110, o investimento é 19 veces maior ao do último orzamento do Partido Popular”, sinalou o líder socialista.
Fernández Piñeiro recordou que as contas do Goberno de Pedro Sánchez supoñen “unha mellora do investimento estatal en Galicia e polo tanto na provincia e na cidade, que despregan ademais o maior paraugas social nun momento de crise, provocada pola pandemia e o conflito en Ucraína”.
“Chama a atención que o Partido Popular de Ferrol cualifique de negativos estes orzamentos, cando o seu voceiro, Rey Varela, celebraba os presupostos que presentaba no seu día o Partido Popular”, explica o líder socialista na provincia.
“Ese orzamento do Goberno de Rajoy que aplaudía Rey Varela dedicaban 250 millóns a unha fragata, cando nas contas para 2023, só neste exercicio, invístense 339 millóns. O Partido Popular destinaba 500.000 euros á humanización das Pías, unha obra para á que o Goberno de Pedro Sánchez reserva 5,4 millóns”, subliña Fernández Piñeiro, quen engade “non pode ser que para Rey Varela unha contas que incrementan o investimento sexan peores que as de 2018, semella que o Partido Popular ten paixón polas súas siglas e non pola cidade”.
“Os orzamentos non son perfectos, polo que seguiremos reclamando a conexión ferroviaria entre A Coruña e Ferrol. Non nos importa quen goberne en Madrid, defenderemos esa infraestrutura. Porén, o Partido Popular só se acorda cando goberna na capital un partido de cor distinta”, finaliza Fernández Piñeiro.
Investimentos para Ferrol
Pola súa banda, Ángel Mato, alcalde de Ferrol, sinalou “unha serie de investimentos esenciais para a economía e o emprego de Ferrol”. Entre eles, o rexedor enumerou “a primeira das fragatas F-110, coa que comezamos a ter unha carga de traballo na cidade que permanecerá durante máis dunha década, garantindo non só o emprego en Ferrol senón tamén da comarca”.
“A isto súmase a adecuación das instalacións, como a modernización do taller de bloques, un impulso enorme ao noso estaleiro que supón unha carga de actividade”, engadiu Mato. Tamén citou outros investimentos, “como as melloras do Porto de Ferrol con 35 millóns de euros, apostando pola dixitalización e a seguridade alén do túnel ferroviario”.
Ademais, o Ministerio de Fomento financia a maior obra urbana na cidade de Ferrol na humanización da avenida das Pías, “unha obra para a que o Partido Popular non fixo anda”.
Por último, recalcou que as actuacións ferroviarias na liña Ferrol – Ribadeo “terán un investimento elevado en materia de seguridade con 24,3 millóns, unha obra demandada dende Galicia pero nunca executada polo Partido Popular na súa época no Goberno central”.
Carácter social das contas
A deputada Natividad González Laso recordou o carácter social das contas xerais do Estado para o vindeiro ano. González Laso subliñou que o Goberno de Pedro Sánchez “inviste 6 de cada 10 euros en gasto social, nun momento de crise económica”.
Neste senso, a socialista lembrou que en 2018, “nas contas do Goberno de Rajoy, o investimento social continuaba a ser máis baixo que nas contas socialistas deste 2023, malia que 2018 fora cualificado polo Partido Popular como o ano da recuperación”.
“Recapitulamos todas esas medidas sociais incluídas nos orzamentos que por supostos beneficiarán á cidadanía de Ferrol, como o ingreso mínimo vital, a revalorización das pensións, unha subida á que se opón Feijóo pretendendo incumprir o pacto de Toledo”, subliña a socialista.