
Bernardo Fernández destaca que os orzamentos xerais do Estado “despregan o paraugas social máis importante das últimas décadas na provincia”
O secretario xeral do PSdeG-Provincial da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, presentou hoxe os orzamentos xerais do Estado para o próximo ano, sinalando os principais investimentos na provincia da Coruña. O líder dos socialistas na provincia estivo acompañado polos deputados Diego Taibo, Natividad González e Montse García Chavarría.
“Son unhas contas que despregan o paraugas social máis importante das últimas décadas na provincia, con 6 de cada 10 euros destinados a gasto social”, sinala Fernández Piñeiro sobre un orzamento que destina 436,45 millóns de euros á provincia da Coruña, dos case 1.100 millóns de euros consignados para Galicia, que é a 5ª autonomía con maior financiamento.
“Cómpre lembrar como o Goberno de Rajoy deixou na estacada ás familias na última crise económica, fronte ás medidas que adopta o Goberno de Pedro Sánchez nun contexto marcado pola pandemia e a guerra en Ucraína”, explica o líder socialista.
“Son uns orzamentos concretos, con importes que permiten executar os proxectos. Un exemplo é que mentres o Partido Popular destinaba durante o Goberno de Rajoy apenas 100.000 euros ao dragado da ría do Burgo, os socialistas comprométense con esta obra, dotándoa dunha partida realizable, con 16 millóns de euros”, afirma o líder provincial.
“En resumo, son uns orzamentos que incrementan nun 31,7% os fondos destinados polo Goberno de Pedro Sánchez nos últimos 5 anos, en comparación cos últimos 5 anos de Goberno de Rajoy. O investimento por cada galego e, por tanto, cada coruñés, é de 400 euros, moi por encima da media estatal, 283 euros”, recalca Fernández Piñeiro.
“Todo pode ser mellorable, porque ningunha xestión pode ser perfecta. Por iso socialistas seguiremos reclamando melloras nos nosos territorios. De feito, moitas das reclamacións que fixemos están agora plasmadas nestes presupostos, polo que seguiremos traballando”, finaliza o socialista.
Gasto social
Os socialistas destacaron o carácter social destas contas e o seu efecto na provincia. “Máis de 300.000 pensionistas da provincia beneficiaranse dun aumento das pensións, 9.350 mozos e mozas recibirán os 400 euros do bono cultural e os 66.361 empregados/as públicos da provincia aumentarán o seu poder adquisitivo”, sinala a deputada socialista, Montse García Chavarría.
A isto súmanse, “74.000 familias galegas que recibirán o Bono Social Térmico e máis de 4.000 mozos/as galegos reciban o Bono Alquiler”, engade.
Investimentos
“Son investimentos en infraestruturas portuarias, viarias y ferroviarias. A nosa provincia é a 4ª en investimento en estradas por superficie, a 2ª no sector marítimo por PIB e a 2ª en investimento en Axenda Urbana, Arquitectura e Vivenda por superficie”, explica a deputada.
Entre os proxectos enumerados, destacan “as bonificacións das peaxes nas autovías, sobre todo na AP-9 que vertebra o eixo atlántico, e conexións como o orbital en Santiago, a intermodal na Coruña, melloras na N-550, a prolongación ao Porto Exterior, a ampliación de Alfonso Molina, a humanización da avenida ferrolana das Pías, entre outras”.
“O investimento marítimo chega aos 106,52 millóns de euros, mentres que os fondos destinados ao sector ferroviario permitirán realizar o acceso ao porto exterior de Coruña e ao de Ferrol, mellorar a Intermodal de Compostela e executar a da Coruña, entre outras melloras”, sinala a socialista.
Tamén destaca a construción das Fragatas F-110, cunha partida de 339,9 millóns de euros, “a pesar deste investimento, o exalcalde de Ferrol, Rey Varela, criticou estas contas, que son ademais as máis altas das últimas décadas para a cidade”, subliña Fernández Piñeiro.
“Esperamos que o Partido Popular deixe de criticar uns orzamentos que benefician a Galicia e informe á cidadanía dos proxectos que financian coas aportacións estatais. Lembramos tamén que en 2023, Galicia recibirá do Estado 9.402 millóns de euros, unha cifra récord que supón un 24% máis que o presente ano”, finaliza o líder socialista.