O PSOE de Santa Comba inaugura a súa nova Casa do Pobo, un primeiro paso para recuperar “un goberno socialista e progresista neste concello”

Os socialistas de Santa Comba inauguraron esta mañá a súa nova sede, na avenida Alfonso Molina 75 do concello, un lugar de encontro con militantes e veciños no que traballar de cara ás eleccións municipais de maio de 2023.

Asistiron á inauguración o secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage; o coordinador comarcal socialista, Antonio Leira, e numerosos alcaldes e representantes socialistas noutros concellos, que quixeron mostrar o seu apoio á agrupación local.

Lage destacou “a importancia de contar cunha nova Casa do Pobo en Santa Comba, un primeiro paso que nos debe levar a recuperar un goberno socialista e progresista neste concello”.

“Os socialistas sabemos gobernar os concellos porque o facemos só para mellorar a vida dos veciños e veciñas, este partido ten 140 anos de experiencia traballando para a xente”, engadiu o secretario de Organización do PSdeG.

Carlos Turnes, portavoz do PSOE de Santa Comba, agradeceu “o traballo de moita xente desde hai meses para que este proxecto recupere a forza e a vitalidade, esta nova sede ábrese para atender aos veciños e buscar solucións aos seus problemas”.

Na mesma liña falou Antonio Leira, que agradeceu ademais “a valentía e o esforzo dos concelleiros socialistas de Santa Comba e dos compañeiros e compañeiras da agrupación local”.

Nas próximas semanas farase público o nome da persoa que liderará a candidatura socialista nas eleccións municipais, cun equipo de traballo que estará moi preto dos veciños e dos seus problemas.

 

Algunhas novas relacionadas