
O pleno de Fene aproba dúas mocións dos socialistas nas que demandan máis seguridade nos entornos escolares e prazas de aparcadoiros para os usuarios de farmacias
O pleno municipal de Fene aprobou dúas mocións do grupo municipal socialista, nas que demanda unha mellora de seguridade nos entornos escolares do concello e prazas de aparcadoiro nas proximidades das farmacias.
Na primeira delas, os socialistas pedían “uns entornos seguros e saudables para que os nenos e nenas poidan desenvolverse plenamente”. “Tamén solicitamos a presenza de Policía Municipal que controle o tráfico e o exceso de velocidade dos vehículos á entrada e saída dos centros escolares, así como o pintado de pasos de peóns 3D ou elevados nas entradas aos centros escolares”, explican.
O texto da moción recollía a necesidade do pintado de camiños seguros, limitar a velocidade a 30 nas vías de acceso aos centros escolares e a instalación de marquesiñas para resgardar os nenos e nenas na espera do bus, así como a organización de charlas de educación vial e a posta en funcionamento de maneira regular do parque de educación viaria de Barallobre.
Na segunda moción, o PSOE solicitaba “reservar dúas prazas de aparcadoiro nas proximidades das farmacias do noso concello, unha delas para persoas discapacitadas”.
A moción pide “que se someta a estudo por parte da Policía Local e os técnicos municipais a nosa proposta para dotar de prazas de aparcamento de uso reservado nas farmacias por tempo limitado, e que se realicen as modificacións e adaptacións que sexan necesarias na ordenanza municipal de tráfico”.
Unha terceira moción socialista saiu adiante para solicitar á consellería de Educacion o “rexeitamento da exclusión do Ies de Fene da Rede galega de dinamización da relación con empresas na FP”.
Por último, os socialistas levaron ao pleno unha cuarta moción, co gallo do Día Internacional da Loita contra a Trata e a Explotación Sexual, que se converteu nunha declación institucional apoiada por todos os grupos na que se demanda “prohibir o proxenetismo en todas as súas formas e instar á Xunta de Galicia á realización dun estudo para actualizar a información sobre a prostitución, a trata e a explotación sexual en Galicia”, ademais de “impulsar, no ámbito das competencias municipais, políticas públicas orientadas á loita contra a explotación sexual e a abolición da prostitución”.