Ofensiva municipal dos socialistas de Ferrolterra, Eume e Ortegal para esixir a rebaixa das taxas do Porto de Ferrol, “que permanece alleo á crise na comarca”

Os socialistas de Ferrolterra, Eume e Ortegal inician unha ofensiva municipal para esixir que a Autoridade Portuaria de Ferrol rebaixe as súas taxas, contribuíndo desta maneira á reactivación económica dunha comarca especialmente afectada pola crise industrial e a situación económica actual.

A moción dos socialistas, que comezará no Concello de Ferrol e continuará nos demais municipios da comarca, esixe que o Porto de Ferrol contribúa tamén, desde as súas competencias, á recuperación económica cunha rebaixa das súas taxas, que supoñen un importante gravame para moitas empresas que operan no porto e as auxiliares que dependen delas.

“Reclamamos que alcancen os acordos precisos para lograr a bonificación máxima permitida na lexislación de todas as taxas que non están actualmente exentas ou no seu máximo. Estas medidas permitirían promover a competitividade e a sostibilidade económica e ambiental da actividade portuaria, combatendo a crise industrial da comarca”, afirma o texto da moción.

“A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, presidida polo señor Barea Paz, non pode ficar allea á realidade social da comarca de Ferrolterra e debe implicarse nas medidas que todas as administracións públicas teñen que adoptar para combater estas circunstancias que estamos a atravesar”, engaden.

Desde o PSOE apuntan que, segundo os datos da propia Autoridade Portuaria, o porto de Ferrol incrementou entre 2020 e 2021 os ingresos polas taxas portuarias de 13,4 a 14,8 millóns, nun escenario de crise xa marcado pola pandemia. “Non pode ser que cantas máis dificultades económicas se producen para as empresas, máis ingresa o Porto”, afirman.

Os socialistas critican a ausencia de medidas por parte da Autoridade Portuaria, un dos principais motores socioeconómicos da comarca, a pesar do declive industrial e as graves consecuencias económicas causadas pola pandemia e a crise provocada pola invasión a Ucraína.

“Mentres o goberno central amosa o seu compromiso con iniciativas que benefician á industria da comarca, o Porto de Ferrol non pode permanecer alleo á súa realidade económica e seguir sen tomar medidas”, engaden os socialistas.

No texto da moción, fan fincapé nas numerosas medidas postas en marcha polo Goberno de España para atallar esta situación, entre as que destacan o programa de fragatas F-110, que investirá 4.325 millóns de euros na comarca, creando 9.000 empregos.

No caso dos portos, os socialistas destacan que o Goberno aprobou a exención da taxa de pesca fresca, unha das medidas do Plan Nacional de Resposta á Guerra, que supón unha importante rebaixa fiscal á flota pesqueira galega.

 

Algunhas novas relacionadas