Bernardo Fernández destaca “o compromiso do goberno con Ferrol” e demanda á Xunta “solucións aos problemas que son da súa competencia, como o do transporte”

O secretario xeral provincial do PSdeG, Bernardo Fernández, destacou “o compromiso do goberno central coa cidade de Ferrol”, á vez que demanda á Xunta de Galicia “solucións urxentes aos graves problemas sobre os que ten competencias, como é o caso do transporte metropolitano”.

A Agrupación Provincial Socialista organizou en Ferrol un encontro coa militancia no marco da campaña “O Goberno da Xente”, no que interviron Ángel Mato Escalona, alcalde de Ferrol e secretario de industria do PSdeG-PSOE; Bernardo Fernández Piñeiro, secretario xeral do PSdeG Provincial da Coruña, e Llanos Castellanos, secretaria de Xustiza, Relacións Institucionais e Función Pública da CEF PSOE.

“Podemos lembrar o maior contrato da historia da Armada, cos 4.300 millóns de euros para as fragatas, pero tamén o compromiso social dos Orzamentos de 2023, dos que se beneficiarán os veciños de Ferrol”, apuntou Fernández, que solicitou á Xunta “respecto institucional, xa que non deben anunciarse investimentos no Porto sen avisar ao concello”.

Pola sua parte, Ángel Mato puxo en valor “a política para reducir a desigualdade que practica o goberno central, comprometido coa xente maior, coas bolsas para os mozos e mozas, ou coa prestación de dependencia nos próximos orzamentos”.

En palabras de Llanos Castellanos, “hai dúas maneiras de xestionar e facer política, a nova Lei de Orzamentos do Estado recolle un investimento de 266.000 millóns de euros para maiores, pensións, educación, aumento do ingreso mínimo vital e do salario mínimo, axudas para sectores con dificultades e rebaixas de impostos”.

Algunhas novas relacionadas