
Os socialistas de Val do Dubra critican que o concello non solicitase “por erro” a subvención da Deputación destinada á contratación de orquestras
Os socialistas de Val do Dubra lamentan que o concello fose un dos poucos na provincia que non recibiu as axudas da Deputación da Coruña ao sector das orquestras e verbenas.
“O propio alcalde recoñeceu nun pleno que foi un erro, ao pasarse o prazo para solicitar esta axuda, quedando Val do Dubra ao marxe dunhas axudas importantes, non só para a promoción das orquestas, se non tamén polo impacto no sector servizos e hostalería, xa que terían encaixe para afrontar os custos das actuacións das Festas do Emigrante”, afirma o portavoz local do PSdeG, Diego Luis Díaz.
A Deputación da Coruña concedeu un total de 623.541 euros en axudas a 79 concellos da provincia para reactivar o sector das orquestras e verbenas tras a pandemia (PEL-Concellos OV).
Os concellos podían destinar a axuda a contratar directamente ás orquestras ou ben subvencionar ás comisións de festas para que foran estas as que as contratasen.
A Deputación contribuíu así á reactivación económica e o mantemento do emprego no sector das orquestras e verbenas, especialmente afectado durante a pandemia, mediante o apoio aos concellos para a celebración de festas mantendo as tradicións populares, a promoción da música en directo e a ampliación da oferta cultural.
“É un exemplo máis da inacción do grupo de goberno, neste caso o único que había que facer era pedir a subvención, da que se beneficiaron a maior parte dos concellos da provincia”, engade Díaz.