Bernardo Fernández demanda “o apoio de todos os grupos á proposición de Lei para regular o xogo en Galicia presentada polo PSOE no Parlamento”

Bernardo Fernández Piñeiro, secretario xeral do PSdeG na provincia da Coruña, demanda “o apoio de todos os grupos á proposición de Lei para regular o xogo en Galicia presentada polo PSOE no Parlamento de Galicia”.

A Agrupación Provincial do PSdeG-PSOE da Coruña organizou na sede do partido en Compostela unha xornada informativa sobre a Proposición de Lei de Regulación do Xogo en Galicia, impulsada polo grupo parlamentario socialista.

“Hai unha preocupación evidente pola situación na que se atopa a regulación do xogo en Galicia, a lei vixente é do ano 1985”, lembrou Fernández.

“Cada vez hai máis menores de idade con problemas de ludopatía, cos estragos persoais e familiares que iso supón, e ante a incomparecencia do PP tomamos a iniciativa de presentar a proposición, só hai tres comunidades autónomas que non teñen actualizada esta lei”, engadiu o secretario xeral provincial.

Pola súa parte, Julio Torrado Quintela, voceiro de Sanidade do Grupo Parlamentario Socialista, falou da necesidade de “regular, que non necesariamente prohibir, pero temos que facer algo porque en Galicia hai 3.500 puntos de apostas deportivas, e un de cada catro menores xa apostaron algunha vez”.

“Hai medidas que se deben tomar, como a necesidde de usar o DNI electrónico para acceder ás máquinas de apostas, ou destinar o 1% da recadación do xogo a programas de prevención”, engadiu Torrado na xornada, moderada por Mila Castro Sánchez, concelleira socialista en Santiago e deputada provincial.

Algunhas novas relacionadas