Bernardo Fernández esixe á Xunta de Galicia “vontade política” para revertir os recortes en educación na Costa da Morte

O secretario xeral da Agrupación Provincial do PSdeG-PSOE, Bernardo Fernández Piñeiro, visitou Dumbría para escoitar as demandas da comunidade educativa da Costa da Morte. O líder socialista esixiu á Xunta de Galicia que solucione de inmediato as deficiencias coas que comezou o curso.

Fernández Piñeiro, acompañado de varios representantes socialistas, reuniuse coa ANPA do Colexio Santa Eulalia de Dumbría, quen denuncia que un mesmo titor ten dous grupos asignados en dous centros distintos que están en diferentes municipios.

“É un claro exemplo da política de recortes da Xunta de Galicia, un titor compartido que está 3 días á semana nun centro e 2 días noutro colexio, que nin sequera están no mesmo concello”, denuncia o líder socialista.

Neste sentido, o socialista subliña que isto supón o culmen dos recortes en educación impostos polo goberno do Partido Popular na Xunta. “É unha cuestión de vontade política. Hai mestres e mestras dispostos a ser contratados para prestar un servizo de calidade e evitar que o alumnado reciba unha educación nefasta”, engade o líder provincial.

“Esiximos á Xunta de Galicia e ao conselleiro de Educación en particular que adopten as medidas para remediar esta desfeita. Agardamos tamén que non se esquezan doutras reivindicacións que ten a comarca da Costa da Morte en materia educativa”, manifesta Fernández Piñeiro.

O socialista fixo tamén alusión ao abandono da Costa da Morte por parte da Xunta de Galicia, “unha zona na que, malia o peso do rural, ten unhas comunicacións complicadas de novo pola falta de vontade política do Partido Popular”.

“En lugar de combater o despoboamento das zonas rurais, a Xunta de Galicia promove servizos de terceira calidade, cando non os suprime por completo”, finaliza.

Algunhas novas relacionadas