Os socialistas de Val do Dubra reclaman ao Concello ofrecer información sobre o proxecto do polígono industrial

Os socialistas de Val do Dubra denuncian que o polígono industrial prometido polo actual Goberno “continúa agochado tras case 3 anos e medio”. Neste sentido, reclaman “a convocatoria da Comisión Informativa do Polígono, para coñecer os detalles do estado do proxecto”.

“No día de onte soubemos pola prensa dunha nova visita do delegado territorial da Xunta de Galicia, Gonzalo Trenor, para traer promesas sobre este polígono, pero sobre o que temos moitas dúbidas”, explica o voceiro socialista, Diego Luis Díaz.

Malia que o proxecto leva anos anunciado e afectando a parte do orzamento municipal, con partidas bloqueadas para realizalo, nin a Xunta de Galicia nin o goberno local trasladaron información sobre o seu estado, nin de cando se realizará.

“Entre outras cuestións, reclamamos información sobre como e cando se adquirirán os terreos, cal será o modelo de xestión das parcelas ou da viabilidade deste proxecto, que bloqueou miles de euros no noso Concello á espera da súa suposta posta en marcha”, enumera o voceiro.

Neste sentido, os socialistas denuncian “a utilización política que o Partido Popular e os grupos que o acompañan no goberno están a facer deste proxecto”.

“Por iso solicitamos que convoquen a Comisión Informativa do Polígono, para ofrecer información sobre este asunto e saber se os nosos gobernantes en serio ou tratan de enganar de novo aos veciños e veciñas”, subliña o portavoz.

Por último, os socialistas insisten na necesidade de “executar a totalidade de proxectos de obra pública, tan necesarios, e que a día de hoxe seguen paralizados no noso municipio dende que comezou este mandato”.

Algunhas novas relacionadas