Os socialistas de Touro piden de novo “a desafectación dos inmobles das antigas escolas unitarias” para arranxalos e darlles uso

Os socialistas de Touro demandan de novo “a desafectación dos inmobles das escolas unitarias do municipio, que a día de hoxe son da Consellería de Educación e que na maioría dos casos están nun estado lamentable”.

“Pasou xa máis dun ano, desde xuño de 2021, desde que o noso grupo votou a favor dunha proposta para solicitar a desafectación das escolas unitarias; dende aquela, o PP de Touro nada fixo para solicitar a titularidade destes edificios, pasando dese xeito a depender do concello para adecentalos e darlles uso”, lembra Gemma López, voceira do PSOE de Touro.

“O grupo de goberno de Touro, aínda tendo maioría absoluta no concello e tamén na Xunta, non é quen de sacar nada adiante, estamos fartos de votar a favor de propostas e que logo as garden nun caixón”, engade.

“Por todo isto, voltamos insistir ao goberno de Ignacio Codesido, na esixencia de que axilicen os trámites para que a curto prazo os edificios pasen a ser titularidade do concello. O paso seguinte que demandamos é que a medio prazo sexan arranxados, co fin de que as veciñas e veciños, as asociacións de toda índole e calquera colectivo local poida darlles uso e desfrutar destas escolas unitarias”, apuntan os socialistas.

Algunhas novas relacionadas