
Os socialistas piden ao alcalde de Oza-Cesuras que “asuma a súa responsabilidade nas irregularidades do local social de Vales e non engane aos veciños culpando ao PSOE”
Os socialistas de Oza-Cesuras e a executiva provincial do partido solicitan ao alcalde de Oza-Cesuras, Pablo González Cacheiro, que “asuma a súa responsabilidade nas irregularidades do local social de Vales e non engane aos veciños culpando ao PSOE”.
A agrupación socialista local quere matizar que “nós o que fixemos foi poñer as supostas irregularidades das obras do local social de Vales en coñecemento da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), un organismo dependente da Xunta que foi quen levou o tema posteriormente á Fiscalía acusando ao alcalde de delito continuado contra a ordenación do territorio”.
No ano 2016, o PSOE de Oza-Cesuras puxo en coñecemento da APLU as obras en chan rústico do local social de Vales, na parroquia de Borrifáns. “Posteriormente decidimos poñer un contencioso contra a APLU, que foi desestimado, porque a axencia non tomaba medidas, pero máis adiante si entrou no tema e levouno ante a Fiscalía”, afirma Pilar Pedreira, secretaria xeral do PSOE de Oza-Cesuras. “Nós nunca levamos o caso aos tribunais nin denunciamos ao alcalde”, engade.
Polo tanto, foi a axencia de protección urbanística quen decidiu finalmente trasladar o tema á Fiscalía, que solicita agora unha pena de cárcere e inhabilitación para o alcalde do Partido Popular, Pablo González Cacheiro.
“Agora o alcalde tomou a decisión de pechar outros centros sociais, asegurándolle aos veciños que non quere que pase o mesmo que no de Vales e trasladando a responsabilidade do acontecido ao PSOE”, lamenta Pedreira.
A día de hoxe, non hai ningún tipo de motivo para pechar estes centros, polo que é unha decisión persoal e de presión por parte de González Cacheiro.
A executiva provincial socialista respalda as decisións adoptadas polo PSOE de Oza-Cesuras e demanda ao alcalde “que asuma as súas responsabilidades e non pretenda darlle a volta ao acontecido para buscar outros culpables; o único que fixemos os socialistas foi cumprir coa nosa obriga como grupo da oposición fiscalizando a xestión do goberno, unha administración pública está obrigada a cumprir coa lei e dar exemplo”.