O PSOE Provincial da Coruña organiza unha nova reunión de traballo en Ferrolterra para explicar as deficiencias do plan de transporte público da Xunta

A Agrupación Provincial Socialista da Coruña organizou unha reunión de traballo en Neda co obxectivo de explicar aos representantes dos concellos da comarca de Ferrolterra os problemas e deficiencias do Plan de Transporte Público da Xunta de Galicia, ademais de escoitar e recoller as súas propostas e inquedanzas noutras materias.

Na reunión participaron Patricia Otero e Begoña Rodríguez, deputadas socialistas no Parlamento de Galicia; Natividad González Laso, coordinadora comarcal do PSOE; o alcalde de Neda, Ángel Vilariño; o de A Capela, Manuel Meizoso, ademais doutros representantes dos concellos e agrupacións locais.

Todos os presentes lembraron as numerosas queixas de usuarios e usuarias, así como de colectivos e concellos no relativo ao funcionamento do servicio público de transporte por estrada de Galicia: atrasos e reducións de frecuencias horarias, supresión de servizos sen previo aviso, falla de publicidade de horarios, e falta de prazas nos autobuses e anuncios de melloras incumpridos.

“Un caos e non hai ademais labores de inspección para supervisar que a empresa cumpla os pregos”, advirten.

Desde hai semanas, o PSdeG advirte ademais que o Partido Popular está tentando desviar o foco de atención ante o seu desleixo absoluto nesta materia, que é competencia autonómica, empregando as mentiras e falsas verdades ante a filtración que se produciu do borrador do novo Plan de Transportes Estatal.

“O único que fixo o goberno de España é reordenar e actualizar o mapa de transportes estatal, sen cambios desde hai 30 anos, pero en todo caso falamos só dun borrador que non ten nada que ver cos problemas do transporte en Galicia”, apunta Natividad González Laso.

No caso da comarca de Ferrolterra, a semana pasada rexistráronse concentracións simultáneas en once concellos para esixir á Xunta “medidas correctoras urxentes no transporte metropolitano”.

“É preciso que a Xunta de Galicia revise as queixas que está a recibir a diario e que saiba dunha vez por todas que existe un problema, iso é o primeiro paso para poder solucionalo, xaque é difícil atopar unha solución cando os que teñen que resolvelo non recoñecen os problemas e as eivas coas que se atopan os usuarios e usuarias”, afirmou Patricia Otero.

Algunhas novas relacionadas