
O PSdeG presentará a petición dos socialistas de Betanzos unha queixa formal ante a Xunta polo uso partidista das institucións por parte do PP
A Agrupación Socialista de Betanzos solicitou ao PSdeG que eleve unha queixa formal ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia da Xunta, Diego Calvo, polo “uso partidista das institucións” e o papel “fóra de lugar e irrespetuoso” da portavoz do Partido Popular de Betanzos, Cecilia Vázquez.
Os socialistas de Betanzos lamentan que Vázquez utilizara “información institucional como persoal adscrito ao xefe territorial” para emitir un comunicado de prensa “autoproclamándose” artífice dun acordo entre a Xunta e o Concello de Betanzos para o arranxo do patio cuberto do colexio, do que “ela non se preocupou” e que foi impulsado pola alcaldesa socialista, María Barral.
O feito de que a portavoz do PP de Betanzos estivese presente nunha reunión por este tema non veu por ser cargo institucional, se non por ser “persoal de confianza” do delegado territorial. “A portavoz en ningún momento formulou proposta algunha e limitouse a coller nota do que se comentou na reunión”, afirma o PSOE local.
Non é de recibo que no “todo vale do PP de Betanzos” esta portavoz utilice a súa presenza meramente anecdótica nunha reunión de cargos institucionais para vender logo nun comunicado de prensa que grazas ao seu labor conseguiuse un acordo para arranxar o patio cuberto do colexio. “Ademais, e aí está tamén o grave desta actitude, que o manifestado é mentira”, engaden os socialistas.
A alcaldesa de Betanzos levaba meses xestionando unha reunión con Educacion, despois de que nin o conselleiro de Educación, nin o seu xefe territorial atendesen as chamadas e solicitudes formuladas desde o Concello.
Por outra parte, trátase dunhas obras que son “competencia directa” da Xunta que por falta de partida económica non ía acometer ata o próximo ano. “Foi a proposta colaboradora da alcaldesa socialista de Betanzos a que desbloqueou a situación para asumir desde o concello o 50% do investimento necesario para mellorar as condicións do patio cuberto e que estea en condicións para o inicio do curso escolar”, manifesta o PSOE de Betanzos.
Esa colaboración fixo posible as obras, a pesar de que as competencias son da Xunta que, unha vez máis, descarga nos concellos a súa responsabilidade.