
Bernardo Fernández lamenta que a Xunta “venda como propio o servizo ‘Coidados Porta a Porta’, que percorre os concellos grazas a fondos europeos que o Estado transfire a Galicia”
O secretario xeral da Agrupación Provincial Socialista da Coruña, Bernardo Fernández, lamentou hoxe que a Xunta “venda como algo propio e pagado polo goberno galego o servizo ‘Coidados Porta a Porta’, que desde hai semanas percorre os concellos con fondos da UE que o Estado transfire a Galicia”.
Fernández visitou o autobús do servizo ao seu paso por Oroso, xunto a membros da agrupación socialista local como Antonio Leira, Beatriz Rodeiro e José Calvo; Manuel Ángel Leis Míguez e Mar García, alcalde e concelleira de Negreira; Diego Luis Díaz, portavoz dos socialistas de Val do Dubra, e outros representantes do PSOE comarcal.
“O financiamento deste servizo procede dos fondos de resiliencia e recuperación da Unión Europea, que posteriormente o goberno central transferiu a Galicia, pero a Xunta non cumpre coas bases das axudas e calquera cidadán pode pensar polo tamaño dos logos e os carteis do camión que o ‘Porta a Porta’ é da Xunta, cando non é certo”, engade Fernández.
Os veciños e veciñas poden facerse grazas a este programa probas auditivas, de memoria ou de podoloxía. Bernardo Fernández aproveitou a visita a Oroso para demandar á Xunta que “inclúa no catálogo de sevizos de Atención Primaria do Sergas a podoloxía”.
“É unha necesidade básica para as persoas maiores, sobre todo cando os problemas e a necesidade dun servizo de podoloxía poden derivar en danos graves en persoas con patoloxías previas como a diabetes”, rematou o secretario xeral provincial.