Bernardo Fernández defende “o paraugas social impulsado polos concellos do PSOE e o goberno central, fronte a unha Xunta que o único que fixo foi cambiar de presidente”

O secretario xeral da Agrupación Provincial Socialista da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, puxo en valor esta mañá na Coruña “o paraugas social impulsado nos últimos meses polos concellos do PSOE e o goberno central, fronte a unha Xunta de Galicia que o único que fixo foi cambiar de presidente”.

Os socialistas celebraron hoxe o seu Comité Provincial na Coruña e Fernández afirmou que “o partido xa está en marcha e traballando para conseguir os mellores resultados” nas eleccións municipais de 2023. “Os veciños saben que somos a mellor opción para gobernar as institucións, con políticas e medidas preto dos cidadáns neste momento tan complicado”, engadiu.

O secretario xeral incidiu na diferencia entre os socialistas e o Partido Popular, tanto nos concellos onde goberna o PSOE como nos que forma parte da oposición. “Aí está o exemplo do Concello de Ferrol, cun PP que votou en contra do Plan de Mobilidade impedindo o acceso a importantes axudas europeas”.

No informe político e de xestión presentado no comité, Fernandez lembrou que “vimos dunha semana na que asistimos con orgullo a un Debate do Estado da Nación no que o noso presidente socialista, Pedro Sánchez, anunciou unha batería de medidas para paliar a situación de crise na que nos atopamos; unhas medidas que poñen o foco na protección das persoas máis vulnerables”.

“Fronte a un goberno de España comprometido coas persoas máis vulnerables que máis precisan da política, atopamos en cambio en Galicia un goberno de Alfonso Rueda insensible aos problemas da cidadanía galega”, apuntou o secretario xeral do PSOE, “xa que a primeira medida que adopta é suprimir a tarxeta básica que permitía vivir en dignidade a tantas familias do noso país, 30.000 na provincia da Coruña”.

“Sen esquecer a situación da sanidade pública e un dato claro: Galicia ten hoxe case 1.000 profesionais menos en Atención Primaria que cando o PP chegou ao goberno en 2009”, rematou Fernández, que convida ao goberno galego “a aproveitar as súas competencias para deixar a un lado a inacción e adoptar medidas en beneficio dos colectivos máis vulnerables”.

Algunhas novas relacionadas